Noticias
11 de xuño de 2016
Outro soño máis preto
O Pescados Rubén pelexará polo triplete fronte ao Navalcarnero tras impoñerse ao Alcorcón 5-1 na Copa de España
Foto: ACFSF Foto:ACFSF
O CD Burela FS Pescados Rubén está máis preto doutro soño. A escuadra de Iván Cao, Lucas, pelexará mañá polo triplete da tempada, na final XXII Copa de España de Alcorcón, tras impoñerse ao anfitrión por 5-1 en semifinais. Mañá, ás 12.00 horas, as laranxas regresarán a Los Cantos para baterse co seu arquinimigo, o Atlético de Madrid Navalcarnero, que conseguiu o billete para a gran cita fronte ao UA Alacante, con resultado idéntico ao das galegas.

Saltaron ambos os equipos apostando pola intensidade. O conxunto anfitrión conseguiu adiantarse no marcador antes de cumprirse o segundo minuto de xogo, cunha recuperación no medio do campo fronte a Gaby no chan. As mariñás conseguiron frear o perigo con nome propio, de Anita Luján, que intentou sorprender a Jozi cunha vaselina no minuto 6, e non cesaron no empeño de perforar a meta da sólida Belén de Uña; Gaby puxo as táboas no minuto 8, cun zurdazo, en media volta. A falta de 5 minutos para o descanso, tras dous balóns envelenadísimos de Anita, intentouno Gaby por arriba, sen éxito; con todo, quen non perdoou foi Peque, que roubou á protagonista goleadora de Alcorcón e apoiouse en Bea Mateos para asinar o 2-1. Volveu a defensa a facer os deberes para manter a renda nos seguintes compases, con Jozi perfecta ante un lanzamento afastado de Vadillos que buscaba sorprender á brasileira e con Maite e Dany que salvaron ao bordo da liña de meta un balón de Anita Luján. Foi entón cando o Pescados Rubén deu un golpe sobre a mesa, de novo con Gaby, que recolleu fronte á meta de Alcorcón o pase de Dany desde a banda tras arrebatarlla á omnipresente Anita.

Regresou o Burela FS á pista sen respiro no ataque. Así, xa o 21, Dany volveu facer estalar a alegría na bancada laranxa co 4-1 en escapada pola banda. A punto estivo de ampliar a fenda Peque, no 26, a pase de Gaby, superada xa Belén, e pouco despois Ceci, desbaratada a tentativa pola meta anfitrioa. Chegaron despois as mellores oportunidades do Alcorcón, con correcta resolución de Jozi no 28 ante Vadillos, e co largueiro como obstáculo ate Desirée, no 30. A falta de pouco máis de oito minutos para o final, as de amarelo apostaron por xogo de cinco coa ex-burelista Ro como líder. Mantívose o Pescaos Rubén impertérrito a reacción do Alcorcón ata que chegou a oportunidade do quinto, da sentenza, como hattrick de Gaby, a falta de dous minutos.

Teledeporte emitirá en diferido a cita polo título mañá.

Ficha técnica

CD Burela FS Pescados Rubén: Jozi, Dany, Peque, Gaby, Bea Mateos, cinco inicial; tamén xogaron Claudia, Maite, Ceci

ADA Alcorcón FSF: Belén, Vadillos, Isa García, Desirée, Anita Luján, cinco inicial; tamén xogaron Natalia Flores, Pitu, Natalia Orive, Cris Llanos, Ro, Aída

Goles: 0-1, minuto 1, Anita Luján; 1-1, minuto 8, Gaby; 2-1, minuto 15, Peque; 3-1, minuto 17, Gaby; 4-1, minuto 21, Dany; 5-1, minuto 37, Gaby

Árbitros: Cristian Gómez García e Jorge Moreno Durán, do colexio madrileño. Por Alcorcón, amarela para Natalia Flores (minuto 12), Ro (minuto 33).

Incidencias: Partido correspondente a semifinais da XXII Copa de España de Alcorcón disputado no pavillón Los Cantos de Alcorcón, con emisión en directo de Teledeporte.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores