Noticias
9 de xuño de 2016
Homenaxe do Concello de Burela ás campioas

O Concello de Burela ofreceu esta mañá unha recepción oficial ao CD Burela FS Pescados Rubén como homenaxe ao segundo título de Liga para o conxunto laranxa. O alcalde, Alfredo Llano, e o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, recibiron as campioas no salón de plenos do consistorio; equipo e corpo técnico estiveron acompañados polo presidente da entidade, Manuel Blanco, así como polos directivos Alba Vila, José Ángel Dovale e José Luis Sáez, xunto aos fundadores de Pescados Rubén, Cesarina Fanego e Rubén Blanco.



“Dende o Concello tan só reflectimos o sentimento de toda a vila con este xesto; o título é un premio a toda afección polo apoio e confianza que vos demostran. A vosa é unha fazaña perfecta con gran complexidade, con nada máis e nada menos que 18 vitorias consecutivas“ dáballes así a benvida e loaba os éxitos burelistas Alfredo Llano, puntualizando ademais Ramiro Fernández “o grande orgullo que supón para todos os burelaos/ás que este equipo nos represente e leve o nome de Burela por toda España”.



Como protagonistas dende a pista e o banco, a capitá, Maite, e o adestrador, Lucas, agradeceron todo o apoio e mostras de agarimo, con eloxios recíprocos: “Grazas a todos os que apostan por nós cada ano para que este proxecto se manteña e grazas ao corpo técnico polo seu gran traballo” dicía a xogadora emocionada, algo no que o técnico incidiu: “Grazas a Pescados Rubén, outras empresas, institucións e á directiva, e sobre todo moitas grazas á afección que nos acompañou sábado tras sábado. Para todo o corpo técnico foi un orgullo compartir a tempada con estas 15 xogadoras; esperamos poñer a guinda na Copa de España”.



Dende a directiva, Manuel Blanco destacou a valía do equipo para chegar ao máis alto, pedindo máis visibilidade e recoñecemento para o deporte feminino: “Este equipo xa o demostrou todo, superando moitas adversidades e sobrepoñéndose para volver facer historia e traer a Burela o segundo título de liga; se fose outro deporte, e masculino, este gran logro tería moita máis repercusión. Para que este proxecto siga adiante precisamos o apoio de todos, o compromiso de institucións e empresas privadas”.



O alcalde e o concelleiro de Deportes pecharon a recepción coa entrega dunha placa conmemorativa da xesta laranxa dando ánimos e desexándolles sorte ás mariñás na inminente Copa de España de Alcorcón (11-12 de xuño).

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores