Noticias
26 de maio de 2016
Maite di adeus á Familia Laranxa

A ala-peche Maite García da Montaña di adeus á Familia Laranxa; os camiños da capitá e do Burela FS Pescados Rubén separaranse tras cinco campañas inesquecibles. “Para un deportista é moi bonito estar no Burela FS pero tamén é esgotador. Dóeme na alma, pero creo que todos os ciclos teñen un final e chegou o momento de vivir novas experiencias; a renovación desta tempada xa foi moi meditada. Decidín quedar un ano máis aquí compatibilizando os meus estudos de Cociña e agora é o momento de marchar” explicaba a xogadora cacereña visiblemente emocionada, que recalou na Mariña en 2011-12 procedente da Rioxa.


O presidente do CD Burela FS Pescados Rubén destacou a capacidade de sacrificio e de traballo de Maite. “É unha loitadora incansable. Medrou xunto ao equipo apoiada na súa total entrega; non hai obstáculo que se lle resista. Esa gran forza que proxecta tanto dentro como fóra da pista converteuna nunha gran xogadora, nun baluarte para o equipo e nunha das grandes referencias da afección. Só lle podemos desexar o mellor na súa nova aventura”, explicaba o dirixente da entidade.


“Foron cinco anos espectaculares; levo todo de aquí, éxitos deportivos e unha nova familia. Gañeino todo con Burela e espero que este ano poida poñer a guinda con outro título. Ademais todo o agarimo que me demostrou a xente é impagable” repasaba así a 17 burelista as súas celebracións de liga 2012-13, Copa de España 2013 e Supercopa de España 2015 e as súas boas vivencias na costa galega.


Italia será o destino da carismática burelista. “Agora mesmo só estou pensando en gañar; quédannos dous partidos, a liga está moi preto” explicaba Maite, recoñecendo que xa recibiu ofertas do fútbol sala italiano, aínda que aparcará a súa decisión ata que remate a tempada: “Non teño présa de momento, estou centrada nesta recta final. Co traballo desempeñado aquí sei que vou ter oco no fútbol sala”.


Unha das xogadoras máis queridas nas bancadas de Vista Alegre despedirase da Bomboneira esta semana. “Vai ser un choque moi grande xogar o último partido, o sábado. Espero que a xente se achegue á nosa despedida” adiantaba Maite, facendo referencia á xa coñecida marcha de Peque, un par de días antes do gran derbi galego ante Valdetires (18.00 horas) que pechará a liga en Vista Alegre, na penúltima xornada. “Isto talvez sexa un ata logo; volverei a Burela aínda que só sexa de visita” reflexionaba con brillo nos ollos a capitá laranxa.


“Quero dar as grazas a Pardeiro pola oportunidade que me brindou naquel equipo de 2011-12. Nestes cinco anos formeime como xogadora e un pouco máis como persoa; aprendín moito. Quero dar as grazas a todos os que fan posible este proxecto, tanto a patrocinadores como a todas as persoas que se moven por nós para que poidamos cumprir cada día o noso soño. Hai cousas que só se poden vivir en Burela” concluía entre pensativa e apenada Maite.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores