Noticias
25 de maio de 2016
Peque pecha a súa etapa en Burela

A ala-pivote Patricia González Mota, Peque, pecha a súa etapa no Burela FS Pescados Rubén tras cinco brillantes tempadas na Mariña. “É o final dun ciclo e como non podería xogar noutro equipo de España que non fose este voume a Italia. Brindáronme a oportunidade de xogar con Vanesa Pereira, a mellor xogadora do mundo, e non o pensei dúas veces” explicaba a súa decisión a 7 laranxa.


Protagonista dos títulos de liga en 2012-13, Copa de España 2013 e Supercopa de España 2015 coa escuadra laranxa, mostra o seu optimismo e ilusión na recta final de tempada defendendo o cume de Primeira RFEF. “A falta de 15 días para o desenlace ligueiro, espero que a despedida poida ser ao grande. Tras a Supercopa xa diciamos que este ano ía ser moi bo. Fágase realidade ou non gañar a liga, foi un ano excelente; superamos todas as adversidades como equipo e o ambiente no vestiario é inmellorable. Todo fixo que sexa un ano estupendo”.


“Levo unha chea de bos recordos de aquí. A primeira imaxe que teño de Vista Alegre é da Copa de España 2011, co Diamante, a Carmen berrando e animando desde a bancada. Foi a miña mellor etapa deportiva e aquí síntome como na casa” botaba a vista atrás a madrileña sorrindo.


A directiva do Pescados Rubén agradeceu a profesionalidade da internacional. “A calidade, constancia e afán de superación demostradas por Peque ao longo destes cinco anos convertérona nunha das grandes referencias no vestiario. A Familia Laranxa deséxalle o mellor nos seus novos proxectos e que alcance tantos logros como os que vivimos xuntos” dixo o presidente, Manuel Blanco.


“Quero dar as grazas a todo Burela, foron uns anos marabillosos, e sobre todo á pequena familia que fixen aquí e ao club pola oportunidade que me deu de recoller tantos éxitos” explicaba a 7 mariñá, con emoción.


A bancada laranxa poderá despedirse da pichichi burelista este sábado na penúltima xornada de liga, última en Vista Alegre, no derbi irmandiño fronte ao Valdetires Ferrol FSF (18.00 -horario unificado).

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores