Noticias
21 de maio de 2016
O Burela FS mantense líder tras unha traballadísima vitoria en Móstoles (2-3)
O Burela FS Pescados Rubén mantense no liderado de Primeira RFEF a falta de dúas xornadas para o final de liga, tras unha traballadísima vitoria en Móstoles (2-3). As mariñás armáronse de paciencia para bater todas as adversidades; superaron a tensión dunha cita crucial con garra e entrega, conseguindo ampliar a axustada renda de 0-1 ao descanso ata 1-3 e minguando as embestidas mostoleñas con porteira xogadora na recta final, que só puideron reducir distancias nun penalti.

As laranxas dominaron sobre a pista de Villafontana desde o asubío inicial aínda que o claro perigo sobre os paus locais non proliferou como noutras ocasións nos minutos iniciais; aos poucos, a habitual frescura na finalización burelista comezou a deixarse ver cos seus primeiros escintileos. A denominación de orixe da pichichi, Peque, estreou o luminoso, no minuto 9, en xogada individual. As grandes intervencións da porteira mostoleña impediron unha maior vantaxe ao descanso.

O segundo acto empezou con malas noticias para as de Lucas; no 24, María Otero asinaba a igualada. Con todo, a reacción non se fixo esperar demasiado; no minuto 27, o Pescados Rubén volveu adiantarse en xogo de pivote con Dany, e pouco despois, antes de chegar ao ecuador, Bea Mateos materializou o terceiro tras recuperación e combinación con Maite. Chegaron entón os compases de máis acougo para as galegas ata que a falta de pouco máis de catro minutos o Móstoles apostou pola remontada con xogo de cinco. Sobre o 37, volveu facer acto de presenza María Otero para reducir distancias de penalti, pero o Burela FS Pescados Rubén nin pestanexou; mantívose impertérrito para salvagardar os tres puntos e o liderado ata a bucina final.


Ficha técnica

FSF Móstoles: Lucía, Celia, María Otero, Inma, Ballesteros, cinco inicial; tamén xogaron Didi, Rocío e Andrea

CD Burela FS Pescados Rubén: Jozi, Maite, Bea Mateos, Peque, Dany, cinco inicial; tamén xogaron Ceci, Claudia e Gaby

Goles: 0-1, minuto 9, Peque; 1-1, minuto 24, María Otero; 1-2, minuto 27, Dany; 1-3, minuto 29, Bea Mateos; 2-3, minuto 37, María Otero

Árbitros: Alonso Abad e Iglesias Fernández, do colexio madrileño. Amoestaron con cartolina amarela a María Otero no Móstoles e a Peque e ao delegado no Burela FS Pescados Rubén.

Incidencias: Partido correspondente á 28ª xornada da Primeira División RFEF disputado no pavillón Villafontana de Móstoles.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores