Noticias
28 de abril de 2016
Nova cita coa historia (venres 29, 21.00 horas)

O CD Burela FS Pescados Rubén despedirá a súa mellor tempada da historia mañá en Vista Alegre ante a Marea Laranxa pelexando por un novo soño, a clasificación para play off. Medirase ao UMA Antequera (21.00 h., horario unificado), que chega á Mariña no fondo da táboa, buscando tres puntos que lle poidan dar a salvación.


O destino, moitas veces caprichoso, volve poñer os de Daniel Ibañes fronte a unha proeza, como xa ocorreu co billete da Copa de España Guadalajara 2016 no último suspiro; os laranxas (37 puntos) deberán vencer e esperar que o seu rival directo na pugna pola oitava praza, Peñíscola (40 puntos), sucumba na casa do Magna Gurpea, sexto.


“Temos moitas ganas de que chegue o partido de mañá, faremos todo o necesario para cumprir co que está na nosa man e despois tocaranos esperar. O camiño a seguir é a imaxe que vimos de dar en Barcelona, competindo, correndo e metendo a perna. Pelexaremos por todo e se se ten que rematar a liga queremos despedirnos o mellor posible da afección” reflectía así un dos pesos pesados do Pescados Rubén, Chano, a ilusión e motivación do equipo ante unha nova cita coa historia.


Segundo o 11 mariñán, a clave para levar o partido está na temperanza. “Debemos estar tranquilos, debemos fuxir de querer gañar o partido desde o primeiro minuto e tratar de que a ansiedade non se apropie de nós; o rival tamén se xoga moito. O equipo que mellor se conteña terá moito ganado” advertía Chano facendo o último chamamento da liga regular á bancada laranxa: “Mañá necesitamos a afección máis ca nunca; vai ser clave. Estámonos xogando o play off na casa e o rival débeo ter moi claro desde que salte á pista. Conseguilo sería moi bonito, sería un premio para a afección, para a vila e para todos nós” concluía o andaluz



Nas filas mariñás, volverán ser ausencia Matamoros, por lesión, e Hélder, que cumprirá o seu cuarto e último partido de sanción.


Convocatoria Burela FS Pescados Rubén: 1. Edu, 5. Iago Míguez, 7. Isi, 9. Iago Rodríguez, 11. Chano, 12. Bruno, 13. Álex, 17. Carlitos, 18. Jorge, 20. Chino, 23. Antoñito, 27. Renato



Duelo no cumio de Primeira RFEF


A Familia Laranxa completará unha fin de semana de soño o sábado, co duelo no cumio de Primeira RFEF. Desde a segunda praza, as burelistas, con dous puntos de desvantaxe sobre o Atlético de Madrid Navalcarnero (70 puntos), visitará a pista do líder (La Estación, 17.30 horas).

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores