Noticias
8 de abril de 2016
O Burela Pescados Rubén suma tres valiosos puntos en Valencia para seguir soñando
Gran vitoria do Burela Pescados Rubén en Valencia onde conquistou tres valiosos puntos para seguir soñando co Play Off polo título. A escuadra burelesa derrotou por 2-4 ao Levante UD que acariñou a remontada pero estrelouse co acerto laranxa e as intervencións de Álex.
Fotografía: Levante UDDM. LNFS
O choque comezou cun Burela Pescados Rubén atrevido e intenso que anulou o empuxe levantino durante os primeiros compases. O premio burelao chegou por mediación de Iago Rodríguez que tras recibir de costas na frontal do área logra virarse e perforar a meta local. O 0-1 reforzou a confianza visitante que con boa circulación de balón e movilidade conseguía ameazar a meta defendida por Yeray. Apenas xeraba inquietude o ataque levantino ante a seguridade mariñá e de novo Iago Rodríguez erixiuse en protagonista marcando o 0-2, minuto 9. O Levante intentaba reaccionar sen éxito e os burelaos gozaron de ocasións para estirar a súa vantaxe. Perdoou o Burela Pescados Rubén e ao bordo do descanso Charlie meteu ao Levante no partido marcando o 1-2 co que se chegou ao descanso. Tralo paso por vestiarios trocáronse os papeis. O Levante saíu con forza e ao Burela custáballe manter o nivel da primeira parte. Tras varios avisos chegou o empate local por mediación de Márquez. O 2-2 e a súa afección aumentou as revolucións do Levante que confiaba na remontada. Pola súa banda os mariñaos, tras uns minutos de acoso local, lograron conter a reacción valenciana con sacrificio e compromiso colectivo. Co empate chegouse ao sprint final. Nos minutos da verdade o Burela xestioou mellor as súas opcións e Chano marcou o 2-3 que danou a liña de flotación levantina. Tivo opción de empatar o Levante desde o dobrepenalti pero Álex detivo o lanzamento para instantes despois sentenciar o partido marcando o definitivo 2-4 que permite seguir soñando co Play Off. Ficha técnica Levante UDDM: Yeray, Márquez, Kiko, Álex Oviaño, Hugo –cinco inicial- David Ruiz, Borja Milán, Pichi, Sena, Charlie, Diego. CD Burela FS Pescados Rubén: Álex, Bellvert, Iago Rodríguez, Carlitos, Chino –cinco inicial- Isi, Iago Míguez, Antoñito, Renato, Chano. Goles: 0-1, m3, Iago Rodríguez, 0-2, m.9, Iago Rodríguez; 1-2, m.19, Charlie; 2-2, m.31, Márquez; 2-3, m.38, Chano; 2-4, m.39, Álex. Árbitros: Rodrigo Miguel, Sánchez Molina. Amosaron cartón amarelo a David Ruiz, Borja Milán, Álex Oviaño e Sena no Levante UD e no Burela Pescados Rubén a Iago Rodríguez e Bellvert. Incidencias: Partido correspondente á 27ª xornada da Primera División da LNFS disputado en El Cabanyal de Valencia.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores