Noticias
7 de abril de 2016
Esencial para seguir 'in crescendo'

O CD Burela FS Pescados Rubén ten mañá unha cita co destino en El Cabanyal (20.00 horas), fronte ao Levante UDDM, un partido decisivo na 27ª xornada de Primeira LNFS para seguir in crescendo no periplo cara aos play off. “Afrontamos o partido en boas condicións, nun bo momento de xogo; é un partido esencial para manter intactas as ilusións do play off” adiantaba Antoñito, encargado de abrir o marcador no triunfo fronte aos valencianos na Mariña (5-1) e autor do único tanto laranxa da semana pasada ante o titánico Movistar Inter.


Tres puntos con moitísimo en xogo, co play off no horizonte para os burelistas antes dos retos ante ElPozo Murcia (16 de abril) e Barcelona (22 de abril) e o distanciamiento da zona baixa para os valencianos; fronte á novena praza (34 puntos) e empatado coa oitava do Peñíscola, o Levante ocupa a décimo terceira (22 puntos). “Creo que será un partido máis complicado que na primeira volta; houbo cambio de adestrador e atoparemos un equipo diferente, con outra actitude e mentalidade. Xa llo puxeron difícil ao Palma na última xornada e na casa estarán con máis ganas aínda. Nós temos que manter a nosa dinámica” explicaba o 23 laranxa en vésperas do encontro.


A expedición partirá esta tarde ás 20.30 horas. Daniel Ibañes cumprirá no Cabanyal o segundo e último partido de sanción. Regresarán á convocatoria Chano, tras 1 encontro de suspensión, e Isi, superadas xa as súas molestias no xeonllo. No apartado de ausencias, a Matamoros súmanse Hélder, con 4 partidos de sanción pola vermella directa sobre Rivillos a semana pasada, e Bruno Petry, que se viu obrigado a retirarse onte no amigable ante Guatemala.


Convocatoria Burela FS Pescados Rubén: 1. Edu, 5. Iago Míguez, 7. Isi, 9. Iago Rodríguez, 11. Chano, 13. Álex, 17. Carlitos, 18. Jorge, 20. Chino, 23. Antoñito, 27. Renato


Burela FS 3-0 Guatemala


O equipo de Daniel Ibañes impúxose onte 3-0 na visita da Selección de Guatemala a Vista Alegre, con Tomás de Dios á fronte. Chino, na primeira parte, e Jorge e Renato, na segunda, foron os artífices dos tantos laranxas. “Foi un bo partido de adestramento para mañá no que os máis novos estiveron ben, no que competiron bastante ben tendo en conta que era a súa primeira vez co equipo” explicaba o técnico burelista.


 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores