Noticias
26 de marzo de 2016
O Burela Pescados Rubén gaña o derbi galego e segue en postos de Play Off
Vitoria do Burela Pescados Rubén por 1-4 no derbi galego ante o Santiago Futsal que mantén aos mariñaos en postos de Play Off polo título. O derbi tivo reminiscencias da final de Copa Galicia aínda que cun desenlace favorable para os laranxas.
Fotografía: Santiago Futsal. LNFS
Aos doce segundos de xogo o brasileiro Petry acudiu á súa cita co gol para adiantar (0-1) á escuadra de Daniel Ibañes. O Santiago Futsal acusou momentáneamente o golpe recibido pero co paso dos minutos comezou a levar o peso do partido ante un Burela que cedía a iniciativa para buscar os espazos ao contragolpe. Sen ocasións claras transcorría un partido intenso e os composteláns probaban fortuna con disparos afastados sen excesivo perigo para Álex. Superado o ecuador, os burelaos estiráronse un pouco máis en ataque e nunha falta directa Chino aumentou a vantaxe (0-2). O Santiago roldaba o marco visitante pero os goles levaban firma burelesa e ao fío do descanso Iago Míguez e Petry case marcan o terceiro que evitou Iker en ambas oportunidades. Do mesmo xeito que na final de Copa Galicia do pasado mércores, ao descanso chegouse con 0-2 favorable ao Burela Pescados Rubén e tralo paso por vestiarios, o Santiago volveu tocar música de remontada co 2-1 logrado por Hugo Sánchez, minuto 21, cun forte disparo tras apoiarse no pivote. O ambiente en Fontes do Sar aumentou os seus decibelios pero nesta ocasión os mariñaos souberon cortar a tempo a reacción compostelá. Chano recibe de costas, aguanta a embestida local e tras virarse lanza un disparo raso para bater a Iker e marcar o 1-3 que tranquilizou ao seu equipo. O Santiago tardou pouco en relamer a súa ferida e volveu envorcarse sobre a meta de Álex que respondeu con seguridade os intentos de recortar distancias do Santiago. Xeraba certa inquietude o ataque local pero sen atopar o corredor adecuado para o camiño ao gol mentres que o Burela esperaba a súa oportunidade para matar o partido. A case seis para o final, os santiagueses apostaron polo xogo de cinco, xusto cando o Burela completou o coubo de faltas. Non sufriron os mariñaos ante esta decisión local e Antoñito logrou, desde propia pista, finiquitar o derbi marcando o 1-4. Os últimos cinco minutos foron un querer sen convicción do Santiago Futsal ante un Burela Pescados Rubén ben plantado en defensa. Con todo decidido, os locais entraron nunha dinámica provocadora que os colexiados resolveron cun carrusel de cartóns amarelos e vermellos que derivaron en varias expulsións por bando. O marcador permaneceu inalterable e o Burela Pescados Rubén sumou tres importantes puntos no seu camiño ao Play Off. Ficha técnica Santiago Futsal: Iker, Hugo Sánchez, Mel, Dani Montes, Quintela –cinco inicial- Iván Rumbo, Catela, Álex Diz, Tallón, Antonio Diz, Santi, Marcos Vara. CD Burela FS Pescados Rubén: Álex, Chano, Isi, Iago Rodríguez, Petry –cinco inicial- Iago Míguez, Antoñito, Chino, Bellvert, Hélder, Goles: 0-1, m.1, Petry; 0-2, m.12, Chino; 1-2, m.21, Hugo Sánchez; 1-3, m.25, Chano; 1-4, m.35, Antoñito. Árbitros: Cid Bragado, Martínez Torres. Cartón amarelo a Tallón, Antonio Diz, Catela, Quintela, Álex Diz expulsado por doble amarilla, Iker expulsado por vermella directa en Santiago Futsal. Cartón amarelo a Petry, Iago Rodríguez, Álex, Isi, Bellvert e expulsados Chano (vermella directa) e Daniel Ibañes en Burela Pescados Rubén. Incidencias: Partido correspondente á 25ª xornada da Primeira División da LNFS disputado en el pavillón Multiusos Fontes do Sar de Santiago. 800 afeccionados.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores