Noticias
23 de marzo de 2016
A prórroga arrebátalles a Copa aos laranxas
Foto: Prensa Santiago Futsal
O CD Burela FS Pescados Rubén non puido traer a Copa Galicia para A Mariña fronte ao Santiago Futsal (2-5) nun envite moi igualado que tivo que decidirse na prórroga tras o 2-2 no tempo regulamentario. Á volta do descanso os de Daniel Ibañes non puideron manter a renda de 2-0, que se esvaeu en tan só tres minutos, e tiveron que remar contra a corrente dos composteláns no Fontes do Sar, con seis títulos irmandiños na súas vitrinas.
Ambas as escuadras apostaron por saír á pista de arriscar en exceso, sendo cautos en ataque e coidadosos co manexo do esférico, esperando un desaxuste na circulación rival. Co paso dos minutos, o Burela FS Pescados Rubén gañou en solvencia. Despois de senllas oportunidades de Iago Míguez e Quintela en ambas filas foi outro Iago, Rodríguez, o que estreou o luminoso e adiantou os laranxas no minuto 16 en contraataque despois dunha ocasión do propio Quintela. Pouco despois , en aposta colectiva, Míguez , moi incisivo baixo os paus composteláns, anotou o segundo dos da Mariña.
Non lles sentou demasiado ben o descanso aos laranxas, que en tan só tres minutos viron como os composteláns igualaban a contenda, con dobrete de Dani Montes, primeiro cun potente disparo ante Edu e despois aproveitando un rexeite a tentativa de Catela; antes Íker desbaratara co peito o posible 3-1 de Chino. Nos seguintes compases ambas as porterías volveron alternar protagonismo; a madeira compostelá impediu no 24 unha nova vantaxe do Pescados Rubén con Iago Míguez e no 25 o sempre inspirado Edu executou a gran parada do encontró fronte a Álex Diz. Antes de chegar ao ecuador da segunda parte, o lanzamento envelenado de Chino, en media altura, volveu petar con Íker; o meta compostelán sacou outra man prodixiosa no 36 fronte a Iago Rodríguez. Edu tampouco fraqueou na defensa da rede laranxa ante Álex Diz (34) e Pablo Tallón (38). O Fontes do Sar viviu unha recta final de alta voltaxe cos dous equipos saturados de faltas que mantivo o empate e conduciu á prórroga; os da Mariña non puideron superar o muro de Íker, non aproveitaron o salvoconducto do dobre penalti no 38 nin tampouco no último segundo cun gran perigo de Petry.
Co tempo extra, o Burela FS cometeu a sexta falta e o Santiago viu a ocasión idónea e materializou o 2-3, con dobre penalti de Dani Montes (minuto 43). Responderon os de Daniel Ibañes con xogo de cinco para facerse co galardón irmandiño sen o resultado merecido. Os 5 minutos remataron con dianas de Diego Quintela e Santi no definitivo 2-5.
Ficha técnica
CD Burela FS Pescados Rubén: Edu, Isi, Chano, Carlitos, Chino,cinco inicial; tamén xogaron Antoñito, Petry, Iago Míguez, Iago Rodríguez, Álex
Santiago Futsal: Íker, Hugo, Pablo Mel, Diego Quintela, Dani Montes, cinco inicial; tamén xogaron Iván Rumbo, Antonio Diz, Pablo Tallón, Santi, Catela, Álex Diz
Goles: 1-0, minuto 16, Iago Rodríguez; 2-0, minuto 18, Iago Míguez; 2-1, minuto 21, Dani Montes; 2-2, minuto 23, Dani Montes; 2-3, minuto 43, Dani Montes (d.p.); 2-4, minuto 43, Diego Quintela; 2-5, minuto 44, Santi
Árbitros: Arca Blanco (Ourense)//Carrera Romero (A Coruña)
Amoestacións: Por Burela FS, amarela a Carlitos (minuto 23), Álex (minuto 27), Chano (minuto 37), Iago Rodríguez (minuto 38). Por Santiago amarela a Iván Rumbo (minuto 5), Dani Montes (minuto 7), Quintela (minuto 37), Álex Diz (minuto 38)
Incidencias: Partido correspondente á final da Copa Galicia (FGFS) disputado no pavillón Fontes do Sar de Santiago de Compostela. Minuto de silencio en homenaxe ás vítimas dos atentandos de Bruxelas
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores