Noticias
22 de marzo de 2016
O recoñecemento dos galegos no punto de mira

Tan só queda 1 día para que o CD Burela FS Pescados Rubén salte á pista para pelexar polo recoñecemento de todos os galegos na final da Copa Xunta fronte ao Santiago Futsal (20.30 horas, Fontes do Sar). O de mañá será o primeiro dos dous desprazamentos dos mariñáns esta semana á capital galega para medirse aos composteláns; o outro será en liga, o sábado, na 25ª xornada de Primeira LNFS (18.00, TVG2 en directo).


“Despois de perder o torneo máis bonito e importante da temporada, en Guadalaxara, non hai mellor oportunidade para volver que a Copa Galicia” aseguraba Jorge Bellvert, que regresará á convocatoria laranxa despois de dúas semanas por unha contractura na coxa: “No adestramento de onte sentinme moi ben, sen ningunha molestia, así que estou totalmente dispoñible para o míster”. Daniel Ibañes tamén poderá volver contar con Hélder.


Bellvert, que xa viviu a Copa co Santiago en 2012-13 caendo ante o Azkar na final, destaca a “intensidade e actitude” como a gran arma do seu antigo equipo: “Teñen un ritmo moi alto durante o partido que desgasta moito o rival; nunca dan o encontro por perdido por iso debemos estar ao cento por cento ata o último segundo”.


Jorge espera moita igualdade ante un vello coñecido; nas outras dúas finais nas que participou o conxunto da Mariña, en Lugo e Ferrol, o galardón foi para o Santiago. “En tres días medirémonos ao mesmo rival. Serán partidos similares, moi igualados, porque xa xogamos moitas veces xuntos e coñecémonos moi ben; creo que se decidirán por pequenos detalles que espero que caian do noso lado” reflexionaba o 18 laranxa en vésperas do compromiso polo título galego e pensando tamén na repercusión do encontro do sábado, antes de medirse aos grandes: “Despois da Copa, conseguimos tres puntos moi importantes para play off; podemos estar aí pero achégase un calendario moi esixente despois de Santiago por iso o debemos dar todo”.



A expedición laranxa porá rumbo a terras compostelás mañá ás 16.45 horas. Hoxe pola tarde (17.30) realizará o último adestramento en Vista Alegre.



Convocatoria Burela FS Pescados Rubén: 1. Edu, 5. Iago Míguez, 7. Isi, 9. Iago Rodríguez, 11. Chano, 12. Bruno, 13. Álex, 17. Carlitos, 18. Jorge Bellvert, 20. Chino, 23. Antoñito, 30. Hélder
 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores