Noticias
12 de marzo de 2016
Fazaña sen a recompensa merecida
O Burela FS Pescados Rubén volveu facer historia esta tarde sobre a Pista Azul aínda que a recompensa sobre o electrónico non foi compañeira de viaxe. Os pupilos de Daniel Ibañes plantaron cara ao impoñente Movistar Inter, de ti a ti, gozando, competindo e sen nada que perder. Deron a gran sorpresa, con precisión finalizadora, adiantando ata 2-0 á máquina verde nunha cita intensa que finalmente caeu do lado interista (3-6) e da que a pesar do resultado os mariñáns saen reforzados animicamente.

Saíu o Pescados Rubén esperando o rival con defensa en media pista, sen fendas, obrigando ao disparo exterior de Movistar e freando o traballo a priori previsible para Edu. E tamén cumpriu en ataque; o Burela chegou á pista verde para deixar pegada. Na primeira ocasión laranxa Chino adiantou aos da Mariña, no minuto 8; poucos segundos despois, Hélder ampliou a 2-0, nun disparo cruzado con pase de Chano. O todopoderoso reduciu distancias no ecuador da primeira parte, nas zapatillas de Ortiz, desde balón parado tras falta de Carlitos, con Edu quizais un pouco adiantado. Reaccionou Inter cunha marcha máis e igualou a contenda Rafael en parede con Ricardinho tras un meteórico saque de banda do 10 verde. Apostaron os mariñáns por xogo de cinco con Iago Rodríguez para manter o balón pero non saíu ben; aproveitou o gardameta Jesús Herrero para anotar a porta baleira o 2-3. Petry tivo nos seus pés o equilibrio aínda que non puido controlar fronte á rede Movistar e en contraataque Jesús Herrero topouse co pau de novo a porta baleira. Contivo o ataque Iago Rodríguez despexando na liña de meta un balón envelenadísimo interista no 18. O 2-4 subiu a falta de 26 segundos para a medianía da cita, de Borja, en tentativa de rexeite de Chano. O descanso fixo acto de presenza cun gran latigazo de Hélder desde balón parado que se foi por pouco.

Regresou o espectáculo á Pista Azul con dobre perigo de Cardinal sobre Edu. Os laranxas volveron brillar en finalización no 24; reduciu distancias Iago Míguez desde saque de esquina de Antoñito e a punto estivo de sorprender Iago Rodríguez ao ex-laranxa Álex González pouco despois. Superado o minuto 30 e con cupo de faltas para os galegos, Álex Pérez freou a avalancha de Ricardinho en dobre penalti aliado en segunda instancia polo pau. Volveu facer os deberes a defensa burelista ante a triangulación de Movistar con toque final de Daniel. Con todo nada puido facer Edu fronte a Cardinal no minuto 32, desde banda de Ortiz (3-5). Tras dobre tentativa de Iago Rodríguez sobre a meta de Álex Glez., o lugués enfundouse na camiseta azul para ir a por todas con xogo de cinco a falta de tres minutos e medio para a bucina final. Aínda con opción de remontada, na recta final, Chano e Petry leáronse no bordo da meta, sen éxito, e Iago Míguez case a coa entre as pernas de Álex, pero foi a maxia de Ricardinho a que anotou o 3-6 definitivo en dobre penalti a falta de 42 segundos.

Domingo 13 de marzo, Teledeporte
20.15 horas: Final

Ficha técnica

CD Burela FS Pescados Rubén: Edu, Isi, Chano, Carlitos, Chino, cinco inicial; tamén xogaron Iago Míguez, Antoñito, Petry, Iago Rodríguez, Hélder, Álex Pérez

Movistar Inter: Jesús Herrero, Ricardinho, Borja, Rafael, Ortiz, cinco inicial; tamén xogaron Rivillos, Daniel, Pola, Darlan, Cardinal, Álex González

Goles: 1-0, minuto 8, Chino; 2-0, minuto 9, Hélder; 2-1, minuto 10, Ortiz, 2-2, minuto 11, Rafael; 2-3, minuto 15, Jesús Herrero (porta baleira); 2-4, minuto 19, Borja; 3-4, minuto 24, Iago Míguez; 3-5, minuto 32, Cardinal; 3-6,minuto 39, Ricardinho

Árbitros: Juan Cerda // Martínez García (Colexio Balear). Por Burela FS amarela a Petry (minuto 15), Chino (minuto 30), Chano (minuto 39). Por Movistar amarela a Rivillos (minuto 14), Ricardinho (minuto 31)

Incidencias: Partido correspondente a semifinais da Copa de España Guadalajara 2016 disputado no Palacio Multiúsos de Guadalajara
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores