Noticias
11 de marzo de 2016
A ilusión do humilde fronte á solidez do xigante
Sábado 12 de marzo, ás 18.00 horas. Xa está marcado en todas as axendas da afección laranxa e dos amantes do fútbol sala galego. Por segundo ano consecutivo repite a súa fazaña de participación copeira con presenza en semifinais o CD Burela FS Pescados Rubén. O xigante Movistar Inter, que se impuxo 8-0 a Palma Futsal, será o seu rival en semifinais de Guadalajara 2016 con brillo laranxa nas bancadas malia os máis de 600 quilómetros de distancia; o máis de medio cento de seareiros de onte duplicarase mañá coa emisión en directo de Teledeporte.


Logo de felicitar o seu equipo e berrar aos catro ventos sentirse orgulloso do gran traballo do grupo burelista non só en Copa senón durante toda a tempada, Daniel Ibañes cualificaba o partido de mañá como un premio. “Somos o invitado á festa que ninguén quere, somos un rival incómodo, inesperado; clasificámonos para a Coa a falta de 30 segundos e poucos contaban connosco en semifinais. É outro premio para todos; todos os xogadores quererán estar o sábado para seguir gozando” explicaba o técnico.

Outro gran reto preséntase para os mariñáns na tarde de mañá, pero os laranxas cren en si mesmos e non se amilanan ante nada. O cocapitán Iago Míguez, artífice dun gol practicamente máxico ante Santa Coloma, non ve nada imposible: “Sabemos quen somos; non é un rival de nosa liga pero xa demostramos o ano pasado en Cidade Real que non son invencibles”.

A ilusión da Mariña, a ilusión galega, estará depositada en 1. Edu, 5. Iago Míguez, 7. Isi, 9. Iago Rodríguez, 11. Chano, 12. Petry, 13. Álex, 17. Carlitos, 19. Aarón, 20. Chino, 23. Antoñito, 27. Renato, 28. Rubén, 30. Hélder. A contractura na coxa que xa lle impediu xogar onte, volverá ser un obstáculo mañá para Jorge Bellvert. Isi chegará con certas molestias no xeonllo que mancou en Xaén.

O soño continúa. Por que non?

Seguimento por partida dobre desde Vista Alegre. Todos aqueles afeccionados que non poidan desprazarse ata Guadalaxara poderán gozar da festa copeira con Teledeporte en Vista Alegre. O mausoleo laranxa albergará media hora máis tarde que en Guadalaxara -18.30- a vixésimo xornada de Primeira RFEF entre Burela FS Pescados Rubén e Majadahonda Afar4 FSF, con entrada gratuíta. Invitámosvos a todos a gozar do espectáculo laranxa por partida dobre en Vista Alegre.

Venres 11 de marzo
19.00 horas: ElPozo Murcia-Aspil Vidal Ribera Navarra
21.15 horas: FC Barcelona-Magna Gurpea

Sábado 12 de marzo
18.00 horas: Semifinal Vencedores do xoves
20.15 horas: Semifinal Vencedores do venres

Domingo 13 de marzo
20.15 horas: Final
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores