Noticias
14 de xaneiro de 2016
Os burelistas visitan a pista do Elche Alberola, penúltimo clasificado

O CD Burela FS Pescados Rubén disputará mañá a 19ª xornada de Primeira División LNFS na pista do Elche CF V. Alberola, penúltimo clasificado (Esperanza LAG, 21.00 horas). Os pupilos de Daniel Ibañes, que poñerán rumbo esta noite cara ao seu destino, buscarán recuperar a senda da vitoria en terras ilicitanas, logo de tres xornadas sen puntuar.


“Foi unha semana máis dura do habitual, con máis intensidade nos adestramentos, despois do pouco acerto que tivemos ante Magna (2-3), pero estamos traballando ben e imos a Elche con ganas e ilusión de puntuar para non descolgarnos da zona de play off” explicaba Antoñito, autor de dous dos tantos do cadro mariñán no enfrontamento da primeira volta, co triunfo para o Pescados Rubén sobre os ilicitanos (3-2).


“Vimos de medirnos a rivais moi complicados; nos tres próximos compromisos, máis accesibles a priori, poderemos inverter a dinámica” mostraba así o 23 laranxa a súa confianza no regreso dos resultados positivos, recoñecendo ademais as súas ambicións tanto en liga como en Copa: “Estou moi contento pola clasificación, a ver se sae ben coma o ano pasado, e ademais podemos pelexar ata o final polo play off” confesaba un dos grandes protagonistas burelistas en Cidade Real 2015.


No vestiario, Daniel Ibañes poderá recuperar a Isi, que se reincorporou ao traballo de grupo esta semana tras unha rotura fibrilar. Chano será dúbida logo de sufrir onte un golpe nun pé durante o adestramento.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores