Noticias
14 de xaneiro de 2016
Daniel Ibañes formaliza a renovación con Burela FS para 2016-17

O técnico do CD Burela FS Pescados Rubén cumprirá o seu segundo ano á fronte do banco laranxa en 2016-17. O hispano-brasileiro, que chegou á Mariña para asumir as rendas do equipo de Primeira LNFS esta tempada recollendo o ronsel de Juanlu Alonso, formalizou a súa renovación por un ano na sede do club esta mañá, xunto ao presidente da entidade, Manuel Blanco, e o vicepresidente, José Luis Sáez. “O nome de Daniel Ibañes xa figura na historia do club; queremos apostar pola súa profesionalidade á fronte dun cadro que xa nos concedeu o privilexio de poder disputar, por segundo ano, a Copa de España e que seguirá traballando por conseguir máis logros” explicou o dirixente laranxa.


“Estou moi a gusto aquí e moi contento pola confianza depositada no meu traballo; desde o día que cheguei o trato foi inmellorable tanto do club e dos xogadores como da vila” recoñecía así Daniel a súa satisfacción polo acordo tras a sinatura da súa continuidade. “Tiña moitas ganas de volver a unha liga tan competitiva e bonita como a española. Creo que estamos cumprindo co obxectivo; traballamos pola consolidación na categoría e gañamos o premio de disputar por segunda vez na historia do club a Copa de España” reflexionaba o adestrador burelista sobre os seus primeiros meses na Mariña facendo mención tamén aos desexos deportivos a curto e longo prazo: “A competición está moi igualada e oxalá poidamos seguir pelexando pola motivación do play off. Espero acabar ben este ano e seguir a próxima tempada facéndoo mellor”.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores