Noticias
27 de novembro de 2015
Un Burela con casta non puido evitar a derrota ante un ElPozo en versión orixinal
ElPozo Murcia recuperou a súa mellor versión para volver gañar no Palacio dos Deportes, non o facía dende o 3 de outubro, por 8-3 a un Burela Pescados Rubén que opuxo resistencia durante a primeira parte aínda que acusou o cansazo na segunda. Coas baixas de Matamoros, Hélder e Renato e o seu segundo partido en catro días a escuadra burelesa afrontou o desafío ante os murcianos cun fondo de armario limitado, circunstancia que os charcuteiros aproveitaron para impoñer un ritmo alto desde o inicio.
Fotografía: Pascu Méndez. Murcia
ElPozo marcou o paso dun partido que comezou cun gol afortunado para os locais, nunha carambola o balón acabou na meta burelesa (1-0) pero a resposta visitante foi inmediata. Nun rápido contragolpe Antoñito asistiu a Iago Míguez que estableceu o 1-1, minuto 8. Os murcianos insistiron nas súas posesións longas e a súa presión en zona alta que afogaba a saída laranxa aínda que sen xerar excesivo perigo a Edu, salvo por un par de disparos afastados. A igualada rompeuse cun golazo de Suazo pola escuadra (2-1). A resistencia mariñá era firme pero no último minuto chegou o 3-1 por mediación de Josema. Con este marcador chegouse ao descanso e na continuación ElPozo aumentou as revolucións para encarrilar o partido cos goles de Álex e Juampi. O 5-1 era unha subida moi pronunciada e o Burela Pescados Rubén intentou co porteiro xogador cambiar a dinámica. A boa presión local minimizou a aposta laranxa e no tramo final emerxeu a figura de Miguelín que con dous excelentes golpeos case seguidos situou o 7-1, minuto 36. ElPozo relaxouse e os burelaos aproveitaron para marcar dous tantos máis, Matteus en propia porta e Chino (7-3) pero Raúl Campos quixo participar na festa local selando o 8-3 definitivo. Ficha técnica ElPozo Murcia: Rafa, Adri, Álex, Miguelín, Lima -cinco inicial- Matteus, Raúl Campos, Bebe, Lolo Suazo, Juampi, Josema, Lorenzo. CD Burela FS Pescados Rubén: Edu, Jorge Bellvert, Isi, Iago Rodríguez, Chino -cinco inicial- Antoñito, Iago Míguez, Chano. Goles: 1-0, m.8, Antoñito (p.p); 1-1, m.8, Iago Míguez; 2-1, m.14, Lolo Suazo; 3-1, m.20, Josema; 4-1, m.25, Álex; 5-1, m.27, Juampi; 6-1, m.35, Miguelín; 7-1, m.36, Miguelín; 7-2, m.38, Mateuss (p.p); 7-3, m.39, Chinés; 8-3, m.40, Raúl Campos. Árbitros: Bernabéu Haro, López Jiménez. Amosou cartón amarelo a Matteus de ElPozo Murcia e Antoñito do Burela Pescados Rubén. Incidencias: Partido correspondente á 13ª xornada da Primeira División da LNFS disputado no Palacio dos Deportes de Murcia.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores