Noticias
23 de novembro de 2015
O Burela FS apelá á solidez de Vista Alegre en pleno Tourmalet (martes 24, 20.30, Levante)

O Burela FS Peixes Rubén recibirá mañá o Levante UD DM (20.30), apelando á solidez de Vista Alegre nunha semana de moito traballo, na que terá que viaxar tamén á pista do titánico ElPozo Murcia, o venres (21.00 horas).


Os de Daniel Ibañes veranse as caras cun rival que chega motivado, cada vez máis preto dos laranxas. Nas últimas tres xornadas conseguiu 7 puntos (4-2 fronte a Antequera, 3-3 con Aspil Vidad Ribera Navarra e 3-2 fronte a Palma) e colocouse na 11ª praza con 12, fronte aos 15 dos mariñáns, na 9ª. “Temos que seguir sendo fortes na casa, é importante manter a nosa imbatibilidade aquí e seguir sumando en Vista Alegre para contrarrestar a dificultade deste tramo de calendario” advertía o técnico, co chamamento de Isi á afección, ante unha axenda tan apertada: “Non tivemos apenas tempo de concentrarnos no Levante, cunha soa sesión antes da cita, pero este equipo está preparado para competir con calquera co apoio da nosa afección; animo á xente a que veña mañá para botarnos unha man nun compromiso tan importante”.


“Temos moitas ganas de xogar este partido e de sacar o mal sabor que nos deixou a derrota en casa do Movistar. Nestas dúas semanas o Levante é o rival máis accesible, pero sabemos que tampouco será fácil. Debemos manter a intensidade durante os corenta minutos, sen deixar meterse ao rival no partido, e ter un pouco máis de sorte na finalización” falaba así o xogador andaluz do quid da 12ª xornada de Primeira LNFS.



Nas filas laranxas será seria dúbida Matamoros, pendente do diagnóstico definitivo tras a retirada do sábado con Movistar con molestias no xeonllo; tampouco estará asegurada a participación dos mozos, Hélder, por unha contusión ósea, e Renato, por artrite nun pé.


Convocatoria CD Burela FS Pescados Rubén: 1. Edu, 5. Iago Míguez, 7. Isi, 9. Iago Rodríguez, 11. Chano, 13. Álex, 17. Carlitos, 18. Jorge Bellvert, 20. Chino, 23. Antoñito


Convocatoria Levante UD DM: 1 Sergi, 15 Yeray, 5 David Ruiz, 7 Jordi Lledó, 8 Borja, 9 Márquez, 10 Kiko Berrocal, 12 Cristian, 13 Pichí, 14 Sena, 17 Oviaño, 21 Hugo



Acceso a Vista Alegre


Desde o CD Burela FS Pescados Rubén infórmase que o persoal de seguridade revisará bolsos e mochilas das persoas que accedan a Vista Alegre, cumprindo así coas Medidas de Seguridade nas Competicións Oficiais de Ámbito Estatal remitidas desde a Real Federación Española de Fútbol o pasado 19 de novembro.


 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores