Noticias
21 de novembro de 2015
O Movistar Inter non perdoa ao Burela Pescados Rubén
Fotografía: Prensa Movistar Inter. LNFS
O Movistar Inter exerceu de líder e impúxose ao Burela Pescados Rubén por un cómodo 6-0 nun partido que controlou en todo momento. A escadra interista saltou á pista do Jorge Garbajosa con intesidade e concentración disposta a liquidar o choque pola vía rápida para evitar sorpresas. O Burela non puido evitar que o vendaval azul tomase unha renda de 2-0 nos primeiros minutos, Cardinal culminou un contragolpe (1-0) e Borja aproveitou unha asistencia de Rivillos para marcar o 2-0 cunha precisa vaselina. O dominio azul era patente e aínda que os burelaos intentaban meterse no partido o bo xogo local evitaba a súa reacción. O primeiro aviso con perigo dos mariñaos chegou no minuto 8 por mediación de Chano nun contragolpe. Superado o ecuador do primeiro periodo, Edu evitou o terceiro nunha ocasión de Ricardinho e o Burela chegou ao cupo de faltas. Os mariñaos axustaron a súa defensa e sufrían menos pero faltáballes chegada para incordiar a meta de Jesús Herrero.

A case cinco minutos para o descanso, o Burela apostou polo xogo de cinco e logrou cambiar a dinámica do partido e xerar certo perigo aínda que sen premio. Ao descanso chegouse co 2-0 e na continuación os galegos saíron máis enchufados, presionando en zona alta e incordiando a un Movistar Inter que estivera moi cómodo no primeiro periodo. O esforzo laranxa tivo a súa mellor oportunidade nun balón roubado por Bellvert en media pista e que disparou con perigo pero Jesús Herrero evitou o 2-1. Tras algún susto máis, os interistas espertaron e apertaron para aumentar a súa renda por mediación da parella lusa; Cardinal marcou o 3-0 que rompeu definitivamente o encontro e Ricardinho estableceu o 4-0 instantes despois, minuto 32. O Burela Pescados Rubén volveu intentar o xogo de cinco pero sen xerar excesivo perigo. Jesús Herrero evitou o tanto laranxa tras un perigoso disparo de Iago Rodríguez e na recta final os interistas redondearon a súa vitoria cun Burela envorcado en ataque. Daniel e Rivillos completaron a goleada do poderoso líder ante os guerreiros laranxas.

Ficha técnica

Movistar Inter: Jesús Herrero, Daniel, Ricardinho, Ortiz, Cardinal -cinco inicial- Pola, Humberto, Rivillos, Borja, Javito.


CD Burela FS Pescados Rubén: Edu, Bellvert, Iago Rodríguez, Antoñito, Chano -cinco inicial- Chino, Matamoros, Iago Míguez, Isi.

Goles: 1-0, Cardinal; 2-0, m.6, Borja; 3-0, m.30, Cardinal; 4-0, m.32, Ricardinho; 5-0, m.35, Daniel; 6-0, m.36, Rivillos.

Árbitros: Alonso Montesinos, Urdanoz Apezteguia. Cartón amarelo a Daniel de Movistar Inter e Isi do Burela Pescados Rubén.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 11 de Primeira División, disputado no pavillón Jorge Garbajosa de Torrejón de Ardoz.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores