Noticias
14 de maio de 2015
Antoñito renova tres tempadas co Burela FS

O ala madrileño Antonio Sierra García formalizou a súa renovación co CD Burela FS Pescados Rubén xunto ao presidente laranxa, Manuel Blanco, e o fundador da empresa patrocinadora Frenos Carpe, Carlos Neira. Antoñito, a revolución goleadora da Copa de España Cidade Real 2015, defenderá a camiseta mariñá tres tempadas máis.


“Estou contento, feliz; estou moi a gusto e espero seguir aquí moitos anos máis”, admitía con euforia o xogador, de 24 anos, moi satisfeito cos seus dous anos xa en Burela: “Fun de menos a máis. Esta úlitma tempada foi cando máis a gusto me atopei, máis amoldado á filosofía de xogo sobre a pista; espero seguir medrando neste club, que é o que me deu a oportunidade e confiou en min”.


Para a próxima campaña, Antoñito é autoesixente: “Quero poder ir dando máis ao equipo e facer máis goles; esta tempada a portería resistíuseme un pouco”. As metas tamén medran colectivamente: “O único pero foron as lesións; se o equipo estivese ao completo poderiamos optar a máis, estou seguro. Confío en que poidamos amoldarnos rápido a Daniel e pelexar por novos obxectivos; a Copa foi algo histórico para o equipo e a afección. Oxalá se volva repetir axiña”.


Desde o club, Manuel Blanco aplaudiu a continuidade do ala madrileño, a segunda renovación laranxa. “Antoñito converteu en realidade o que hai dúas tempadas se postulaba como unha promesa con xuventude e talento. Creceu cun bloque polo que seguiremos apostando en 2015-16” explicou o presidente.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores