Noticias
24 de abril de 2015
Ourense, un paso máis cara á Copa

O Burela FS Pescados Rubén buscará dar un paso máis cara á clasificación matemática para a Copa de España, que se disputará en Navalcarnero o 6-7 de xuño, na complicada pista do Ourense Envialia. O duelo irmadiño está programado para mañá a partir das 17.00 horas (Os Remedios).


As pupilas de Iván Cao, Lucas, chegan á cita defendendo a terceira praza (55 puntos), a 4 puntos do cuarto, Universidad de Alicante, e a 9 do Alcorcón, que ocupa a quinta posición. Enfronte terán ao sétimo da táboa (45 puntos), que vén de caer ante o líder, Atlético de Madrid Navalcarnero (4-2).


Xunto ás ausencias de Maite e Lara, por lesión, tampouco estará Shiori, que deberá regresar ao Xapón por xestións administrativas. “Será un partido complicado; chegamos moi xustas de efectivos e, ademais do aliciente de calquera derbi, deberemos enfrontarnos a un equipo que sairá moi forte na súa pista, con ganas de desquitarse das derrotas de liga e Copa Galicia” advertía Lucas, facendo referencia aos últimos enfrontamentos entre ourensás e burelenses con éxito laranxa de 5-0 na primeira volta e 7-0 na final da Copa Galicia As Pontes 2015.


O último adestramento da semana será hoxe ás 16.30 horas. A expedición porá rumbo a Ourense mañá ás 10.30 horas.


Convocatoria Burela Pescados Rubén: 1. Jozi, 3. Cristina, 5. Claudia, 7. Peque, 9. Gaby, 13. Patri, 14. Bea Mateos, 19. Paula, 20. Tainã

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores