Noticias
12 de outubro de 2014
Cor laranxa no derbi ante o Viaxes Amarelle (2-1)
Foto: Ana López Ramos

Vista Alegre non deixou escapar esta mañá os tres puntos do derbi galego entre Burela FS Pescados Rubén e Viaxes Amarelle FSF, nunha cita de cor laranxa na que as pupilas de Quico Otero mereceron un marcador máis amplo (2-1).


O dominio laranxa fíxose patente desde o salto á pista, con asedio constante da área herculina e perigo sobre a meta de Eva. No minuto 3, Gaby fixo tremer os paus coruñeses cun balón que se estrelou coa escuadra; segundos máis tarde Peque dispuxo de dobre ocasión, desde o chan primeiro e despois chegou tarde ao bordo da liña de meta a pase cruzado de Maite. Ata rozar o ecuador, o Amarelle non foi capaz de avanzar liñas e chegar con certo perigo a Jozi; a defensa laranxa desbaratou a primeira tentativa visitante e segundos máis tarde o lanzamento de Patri saíu desviado logo de superar á brasileira. Tras un par de minutos afanado en defensa, o Burela FS recuperou posicións en busca do gol; Tainã non tivo éxito no 13 pero si que atopou a rede coruñesa pouco despois (1-0, minuto 14) ao aproveitar un rexeitamento de Eva a lanzamento de Peque. Continuaron as locais con fame de gol; Gaby, por partida dobre, de lonxe (minuto 16) e no medio dunha defensa visitante enmarañada na súa área (minuto 17), e Maite (minuto 16), de lanzamento cruzado que se topou co pau, dispuxeron das mellores ocasións. Con todo, a menos de dous minutos para o descanso, o Amarelle anotou a igualada nas zapatillas da exburelista Lidia Mesías, que tras superar a Maite bateu a Jozi cun balón raso que se coou entre as pernas da laranxa.


 En táboas comezou o segundo período sen cambios no protagonismo de ataque. O Burela FS volveu poñerse por diante no electrónico no minuto 23, con firma de Peque (2-1). O conxunto de Quico Otero afanouse en non deixar respirar a defensa visitante aínda que sen fortuna para ampliar distancias. Como na primeira parte, o Amarelle cobrou certa fortaleza de novo en torno ao ecuador; intentou achegarse e sorprender a Jozi, aínda que sen demasiado perigo. Cris dispuxo da ocasión máis clara ante o acerto da brasileira, no 33, xusto antes dun brillante roubo de Maite a Patri que non conseguiu o seu obxectivo; segundos despois a 17 burelista iniciou unha galopada que finalizou Peque cun balón que se topou co corpo da meta herculina. No 36, a escuadra volveu frear un envelenado balón de Bea Mateos desde balón parado e Gaby tampouco tivo sorte. Eva tamén conseguiu obstaculizar a tentativa de Maite no 37. Na recta final, o Amarelle tivo o empate nun dobre penalti, que salvou Jozi sen problemas.


Ficha técnica


Burela Pescados Rubén: Jozi, Peque, Shiori, Maite, Gaby -cinco inicial- Claudia, Bea Mateos, Kiko, Tainã, Lara


Viaxes Amarelle FSF: Eva, Dolo, Lidia, Cris, Patri -cinco inicial- Andrea Carid, Noe, Yai, Tati, Laura Tesouro


Goles: 1-0, minuto 14, Tainã; 1-1, minuto 18, Lidia Mesías; 2-1, minuto 23, Peque


Árbitros: Ricardo Díaz Fernández // José Ignacio Menéndez Caseiro (Galicia)


Tarxetas: Por Burela amarela a Bea Mateos (minuto 33). Por Amarelle FSF, amarela a Andrea Carid (minuto 15), Noe (minuto 29), Lidia Mesías (36)


Incidencias: Partido correspondente á quinta xornada da Primeira División RFEF disputado no pabellón Vista Alegre de Burela. 400 espectadores.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores