Noticias
21 de febreiro de 2014
Asalto ao Palau con Esport 3 e TVG 2 (sábado 22, 16.15 horas)

O Burela FS Pescados Rubén ultima detalles para o asalto ao Palau Blaugrana. A escuadra de Juanlu Alonso medirase mañá ao todopoderoso FC Barcelona Alusport, ás 16.15 horas, con todas as enerxías depositadas en volver puntuar fronte a un dos máis grandes, no podio, e cumprir a súa quinta xornada consecutiva sen coñecer a derrota. O partido será emitido en directo por Esport 3 e TVG 2.


“É un partido bonito, que afrontamos sen presión e con moita ilusión” asegura con optimismo Juanlu. “A lóxica indica que debe gañar o Barcelona, e máis na casa, pero nós demostramos que somos competitivos cos grandes; gañamos en Murcia (3-4) hai pouco máis dun mes e por que non imos repetilo en Barcelona” auguraba o técnico.


Os mariñáns xa deron a sorpresa na primeira volta empatando 2-2 en Vista Alegre. Xunto a Inter Movistar co mesmo resultado, o galego foi o único equipo que lle arrebatou puntos lonxe de Cataluña; na casa, Santiago Futsal (2-2), Peñíscola (3-3), Ríos Renovables (2-2) e, máis recentemente, Marfil (4-6) tamén conseguiron neutralizar os blaugranas.


O Burela FS chega á 22ª xornada afanado plenamente na liga, co firme propósito de agarrarse nas oito primeiras prazas; con 29 puntos peléxase pola sexta praza con Santiago Futsal, que descansará esta semana. “Estamos doídos por vir de perder en cuartos da Copa do Rei con Ríos, pero o importante é mellorar día a día e nese aspecto estamos contentos. Afrontamos o partido de mañá e o que queda de liga con confianza nas nosas posibilidades” explicaba Juanlu, antes de medirse ao xa semifinalista da Copa do Rei, que vén de oficializar a renovación ata 2016 do seu sólido meta Paco Sedano.


Os burelistas chegaron hoxe pola mañá a terras catalás para afrontar o último adestramento da semana na Ciutat Esportiva. Hugo, que xa realiza sesións específicas dirixidas pola fisioterapeuta do equipo, Lucía Neto, será a única ausencia nas filas mariñás. No FC Barcelona a convocatoria estará composta por Cristian, Paco Sedano, Jesús Aicardo, Ari Santos, Gabriel, Fernandao, Dyego, Lin, Sergio Lozano, Saad, Roger Serrano e Wilde.


 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores