Noticias
20 de febreiro de 2014
A bomboneira desafía o líder de Terceira (sábado 22, 16.00 horas)
Foto: A Caixa Escura Producións

A bomboneira desafiará este sábado o líder de Terceira División, Leis Pontevedra (40 puntos). A tan só catro puntos do podio, o Burela FS Pescados Rubén B (sétimo, 29 puntos) recibirá o rival en Vista Alegre, ás 16.00 horas. O envite chega nun momento crucial nas expectativas dos mariñáns. “Temos dúas xornadas seguidas cos de arriba, con primeiro e segundo; estes partidos decidirán se podemos acceder aos postos de arriba ou, pola contra, deberemos pelexar polo medio da táboa” advertía o adestrador laranxa, Lucas.


“O Leis é o mellor equipo da categoría, non só porque o reflicta a clasificación. Ten un cadro veterano, xogadores con experiencia e moi bos finalizadores” definía así o técnico o rival burelista da 19ª xornada, confiando nas posibilidades laranxas: “Nós afrontamos o encontro con ilusión de desempeñar un bo papel e aproveitar a etapa de menos fortaleza pola que está atravesando o rival; acostumado a gañar, agora encadea tres empates consecutivos, con Santiago, Pazos de Borbén e O Carballiño”. “En Pontevedra soubemos dar a cara, pero a falta de pegada condicionounos en exceso e vímonos superados pola solvencia do rival; ese 6-1 escurece en certa medida a disposición e actitude que amosou o Burela FS sobre a pista” analizaba os antecedentes Lucas.


Antón Couto, con lesión de clavícula, e Carlitos, que viaxará coa expedición de Primeira LNFS para medirse ao FC Barcelona Alusport, serán as ausencias mariñás. Nas filas visitantes, non estará con case total probabilidade Raúl Jiménez, que xa perdeu o encontro da semana pasada por unha rotura fibrilar.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores