Noticias
19 de febreiro de 2014
Un minuto afasta os laranxas da Copa do Rei
Foto: A Caixa Escura Producións

Os laranxas despedíronse hoxe da Copa de Rei ao caer en Vista Alegre ante o Ríos Renovables (2-3). Logo de marcharse ao descanso con 1-0, o Burela FS Pescados Rubén viu como se esvaía a súa vantaxe en tan só un minuto, o 28, no que os visitantes conseguiron perforar a meta mariñá por partida dobre.


A escuadra de Juanlu enfrontouse ao partido con garra e ganas de gol desde o asubío inicial, tentando a rede dun Molina que se erixiu no gran salvador durante a primeira parte, e ofrecendo unha férrea defensa. Xa no primeiro minuto Mimi avisaba, a pase de Antoñito, cun disparo que se ía ás mans de porteiro navarro. Burrito e Christian dispoñían doutras dúas boas ocasións antes de completarse o minuto 5 de xogo. Iago Míguez tamén tivo nas súas zapatillas dous disparos de gol que se lle foron demasiado lonxe (minutos 8 e 12) e Christian, con Mimi, volvía chocar con Molina. O porteiro burelista, Álex, estivo correctísimo nunha das mellores oportunidades do rival, no minuto 17 de Charlie. O asedio galego recolleu o seu merecido froito no 19, cun disparo cruzado de Mata que introduciu precisamente Charlie de cabeza en propia porta. Con 1-0, nos últimos segundos antes do descanso, o 10 laranxa estivo a piques de sorprender a Molina de lonxe cun potente lanzamento.


Volveu ben á pista o Burela FS, cunha boa chegada de Burrito e Mata xa no minuto 22; Antoñito pouco despois errou un man a man co gardameta do Ribera. Imprimiu velocidade o Ríos para reaccionar, pero aí estaba Álex, para frear a Rubi (minuto 25); Christian tamén estivo moi oportuno no despexe, roldando o minuto 28. O perseguido empate dos navarros chegou en contraataque culminado por Joselito segundos máis tardes. Inmediatamente, unha falta de entendemento entre Álex e Christian na defensa desencadeou no 1-2, de Luisma. Aproximándose o ecuador da segunda parte, Molina volveu bloquear o ataque laranxa e reapareceu cos pés para frear un potente disparo afastado de Matamoros no minuto 30; antes Charlie a punto estivo de sorprender o meta burelista cun balón que chocou coa escuadra.


Non se frearon os laranxas, que seguiron á caza de Molina. Mata asistiu a Antoñito nun disparo que se marchou desviado, no minuto 34, e Isi, só ante a rede visitante, non puido controlar o pase de Iago Míguez, no 35. Andresito, polos navarros, intentou ampliar en distancias no 36 cun disparo cruzado que se foi polo fondo. Mata introuduciuse na elástica azul para abandeirar o xogo de cinco, faltando tres minutos. Burrito tivo nas súas zapatillas o empate, cun balón alto que Molina rozou cos dedos; volveu o malagueño á carga, pero topouse co corpo de Charlie. O pichichi burelista intentouno, pero foise demasiado alto. A porta baleira e a falta de 24 segundos, o Ríos colocou o 1-3. Sobre a bucina, Mata conseguiu perforar a portería visitante (2-3).


Outros resultados. Ríos Renovables medirase en semifinais a ElPozoMurcia, que se impuxo ao Azkar Lugo FS (1-5). Do duelo de mañá entre FC Barcelona e Manacor FS sairá o rival do Umacón Zaragoza, que venceu hoxe ao Montesinos Jumilla (5-3).


Ficha técnica


Burela FS Pescados Rubén: Álex, Mimi, Burrito, Matamoros, Antoñito, cinco inicial; tamén xogaron Christian, Iago Míguez, Isi, Juanma


Ríos Renovables FS: Molina, Lolo, Rubi, Andresito, Charlie, cinco inicial; tamén xogaron Palmas, Luisma, Juni, Joselito, Álex


Goles: 1-0, minuto 19, Charlie (p.p.); 1-1, minuto 28, Joselito; 1-2, minuto 28, Luisma, 1-3, minuto 39, Rubi; 2-3, minuto 39, Matamoros


Árbitros: Gallo Suárez // Velasco Martínez (Asturias)


Tarxetas: Por Burela FS amarela a Mimi (minuto 15). Por Ríos amarela a Charlie (minuto 16), Joselito (minuto 17), Palmas (minuto 36)


Incidencias: Partido correspondente a cuartos de final da Copa do Rei (Vista Alegre), que contou coa presenza do seleccionador nacional, José Venancio López Hierro. Arredor de 700 espectadores nas bancadas

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores