Noticias
14 de febreiro de 2014
O cadro de Lucas visita o Vilalba FS, farol vermello

O Burela FS Pescados Rubén B visita este sábado o Vilalba Peugeot FS , farol vermello de Terceira. O duelo provincial arrincará ás 18.00 horas, no municipal da vila chairega.


 Dende a sétima praza, con 26 puntos, os laranxas desprázanse para facerse co triunfo ante un rival que só leva 9 puntos en 17 encontros. Os locais non puntúan dende a décimo terceira xornada, cita na que se impuxeron ao Ribeira FS por un rifadísimo 7-6; o resto dos puntos puido arrincalos na casa co Santiago Futsal (3-2, xornada 4) e A Fuga Xove FS (2-2, xornada 11) e fóra co Pazos de Borbén (1-1, xornada 3) e Supertir A Pontenova (2-2, xornada 7).


O técnico mariñán espera un encontro co mesmo corte da primeira volta, no que os laranxas se impuxeron por 5-2. “Veremos un rival moi pechado, que esperará o noso erro para aproveitalo, como xa se viu en Vista Alegre” adiantaba Lucas, facendo un chamamento á concentración dos seus xogadores porque “cos equipos de abaixo acostumamos a ofrecer peor imaxe da que deberiamos e cometemos algunhas imprecisións un pouco inxenuas”. “Co regreso de Luis de Cospeito o rival subirá un chanzo”, advertía o adestrador burelista.


Sen  Antón Couto, con lesión de clavícula, nin Carlitos, convocado para Primeira LNFS, Lucas poderá contar de novo con Manu, tras a sanción dun partido imposta na Estrada.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores