Noticias
1 de febreiro de 2014
Tres puntos para continuar entre as mellores

O Burela FS Pescados Rubén plantouse esta tarde no municipal de Soto del Real para reafirmarse no cume de Primeira División RFEF e non tatexou. Abandeiradas pola visión goleadora da moza Lara, por partida dobre, e a última incorporación, Daniela, as pupilas de Quico Otero non deixaron escapar os tres puntos con 2-3 final para durmir unha xornada máis entre as mellores. Despois do 0-3 do líder Navalcarnero en Gironella, as da Mariña ocupan provisionalmente a segunda praza en solitario, á espera do desenlace de mañá do Ciudad de Alcorcón co pechacancelas, AE Vallirana.


As burelistas víronse obrigadas a loitar contra un defensa moi pechada; a moza viveirense Lara atopou con éxito o primeiro oco roldando o minuto 7, ao culminar unha serie de rexeites ao bordo do área. Co escueto 0-1, madrileñas e galegas oíron a bucina do descanso mantendo as formulacións iniciais, con numerosas ocasións laranxas ante un Soto que esperaba.


No segundo período o encontro non experimentou variacións no guión, con presión do Burela FS sobre un concentrado rival en defensa que obtivo o seu gran premio do empate nunha das súas escasas ocasións, cunha escapada de Coral pola banda que se foi en velocidade das laranxas (1-1, minuto 35). O cadro de Quico Otero temperou os nervios emerxentes e reaccionou con contundencia, en tan só dous minutos; Daniela, de tacón, completou un pase de Peque, e Lara aproveitou un rexeite da colombiana. O 1-3, a falta de tres minutos para o final, foi o revulsivo do xogo de cinco para as locais, que conseguiron anotar o 2-3, a tan só 3 segundos para o final, de Coral.


“Cumprimos co obxectivo, pero debemos seguir mellorando para atopar antes unha lectura adecuada do encontro. Custounos moito atopar os ocos dunha defensa cerradísima; esperáronos moi atrás como na primeira volta, pero soubemos ver as súas fendas para adiantarnos” valorou Quico Otero, destacando ademais a concentración das laranxas nos últimos minutos. “Malia os nervios pola reacción do rival soubemos controlar os tempos ampliando distancias con dous goles; o 2-3 chegou xa sen perigo nos últimos segundos”.


 


Ficha técnica


VP Soto do Real: Ana, Chili, Laura Jiménez, Coral e Marta, no cinco inicial; tamén xogaron Patricia García, Ana da Moza, Clara, Ana Senis e Tayra


Burela FS Pescados Rubén: Jozi, Peque, Bea Mateos, Claudia e Lidia, no cinco inicial; tamén xogaron Lara, Cris e Daniela


Goles: 0-1, minuto 7, Lara; 1-1, minuto 35, Coral; 1-2, minuto 36, Daniela; 1-3, minuto 37 , Lara; 2-3, minuto 40, Coral


Árbitros: Sergio Caballero // Javier Rivero (Madrid)


Tarxetas: Por Soto, tarxeta amarela a Laura; por Burela FS, a Lidia e Daniela

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores