Noticias
31 de xaneiro de 2014
Golpe na Estrada para manter a boa senda

O Burela FS Pescados Rubén B visita mañá a A Estrada FS (19.00 horas, pavillón Coto Ferreiro) na 16ª xornada de Terceira División co propósito de dar o golpe dos tres puntos e así manter a boa senda do inicio da segunda volta.


Dende a sexta praza e empatado (23 puntos) co Pazos de Borbén, o cadro laranxa medirase ao cuarto clasificado, a tan só 2 puntos, que tamén mantén contenda igualado co Troula FS.


“Sabemos que é un reto difícil porque é unha pista moi complicada onde a afección aperta moito. Teremos enfronte a un rival que, aínda que comezou dubitativamente, conseguiu ir escalando paso a paso e posúe un bo quinteto inicial” advertía Lucas, incidindo nas ganas coas que chegarán os estradenses á cita despois da contundente derrota ante o actual terceiro clasificado, Santiago Futsal (7-2).


Ás baixas burelistas de Antón Couto, por unha lesión de clavícula, e Brais, por unha escordadura, sumarase con case total probabilidade Bruno de Nois, por unha inflamación plantar.


Na primeira volta, os da Mariña impuxéronse por 3-2.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores