Noticias
2 de xaneiro de 2014
Desafío no Palacio
O Burela Pescados Rubén inicia o novo ano cun gran desafío, visitando o Palacio dos Deportes para enfrontarse a ElPozo Murcia, segundo clasificado. O encontro correspondente á xornada 18 da Primeira División xógase o venres día 3, a partir das 21.00 horas.



Os mariñaos buscarán dar a sorpresa ante un ElPozo Murcia que mantén unha traxectoria impecable como local; 8 partidos, 8 vitorias. Malia a historia e os números actuais dos murcianos o adestrador burelés, Juanlu, confía en plantar cara a un dos grandes da Liga: “somos conscientes da dificultade do reto que supón medirse a ElPozo. A primeira premisa para poder competir por un resultado positivo pasa por defender moi ben e unha concentración máxima durante todo o partido”.

 

Ademais das virtudes individuais; Miguelín, Kike, Grello, Adri, Alex,.... e o seu excelente xogo colectivo os murcianos fixeron do Palacio un fortín inexpugnable ata o momento. Na súa casa “comezan os partidos moi enchufados e agresivos así que debemos ser capaces de contrarrestar esa presión inicial para non ir contracorriente desde o principio. O seu potencial é moi alto e ademais teñen unha gran riqueza táctica e estratéxica. Si non están especialmente finos, sempre atopan unha vía de perigo a través das accións a balón parado”. Unha das chaves para dar a sorpresa sería “adiantarnos no marcador, daríanos un plus de confianza aínda que, evidentemente, tampouco che asegura nada”.

 

O Burela Pescados Rubén deberá rozar a perfección para regresar con botín de terras murcianas e para iso “debemos ser moi efectivos de cara a gol xa que eles apenas conceden ocasións”. En Vista Alegre, ElPozo logrou unha vitoria clara (0-4), aínda que para nada cómoda e tirando de contragolpe como principal recurso, algo pouco habitual nos murcianos. “Considero que competimos ben contra eles e suscitámoslles moitas dificultades que esperamos repetir pero cun final favorable” concluíu Juanlu.


Duda. O adestrador de ElPozo declarou sobre o partido que espera que “o Burela non empece a levantar cabeza en Murcia. Non queremos ser o seu punto de inflexión” engadindo que “ten potencial, estrutura e un gran adestrador para estar máis arriba na clasificación, e estou seguro que o estará. É un conxunto con virtudes, avezado, completo, moi compensado e que non merece estar no posto que ocupa na táboa.Temos que aproveitar a súa falta de confianza actual e saír airosos deste encontro”.

 

CONVOCATORIA


Burela Pescados Rubén: Edu, Isi, Christian, Antoñito, Burrito, Matamoros, Álex, Mimi, Hugo, Carlitos, Iago Míguez e Juanma.

 

ElPozo Murcia: José Ruiz, Juampi, Jesús, Bebe, Álex, Miguelín, Fabio, Kike, Adri, Rafa, Raúl Campos e Grello.

Baixa: Franklin



Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores