Noticias
18 de outubro de 2013
A Mariña reta o campión
Foto: A Caixa Escura

A comarca da Mariña concreta os últimos preparativos para recibir mañá o gran campión de Liga, Copa de España, Copa do Rei e Supercopa. O FC Barcelona saltará á pista da bomboneIra para medirse á ilusión laranxa do CD Burela Pescados Rubén (18.30 horas).


O cadro de Juanlu esperará en voandas ao xigante por excelencia do fútbol sala, co apoio dun Vista Alegre entregado e ata a bandeira na súa tentativa de ir consolidando os seus pasos na liga para encher de alegría á familia burelista. A maxia da Mariña intentará retar a un titán que chega en cuarta posición con 12 puntos, tras o sorprendente empate da sexta xornada, o mércores na casa con Peñíscola (3-3). Ata o momento, outros dous rivais conseguiron arrebatarlle puntos, Inter Movistar e Santiago Futsal con 2-2, na terceira e cuarta xornadas respectivamente. Este non é o seu mellor momento, pero a reacción pode ser inmediata e imparable.


A expedición barcelonista, que chegará a Burela hoxe sobre as 18.00 horas, está integrada por Cristian, Ari, Sergio Lozano, Saad, Fernandao, Paco Sedano, Aicardo, Torras, Gabriel, Lin, Igor e Wilde. No vestuario mariñán vestiranse Edu, Mimi, David Burrito, Iago Míguez, Isi, Juanma, Matamoros, Christian, Álex, Carlitos e Antoñito; Hugo cumprirá o último partido de sanción pola expulsión de Lugo.


Invitado de luxo


Vista Alegre contará mañá cun invitado de luxo na bancada para a gran cita do fútbol sala, o seleccionador nacional, José Venancio López Ferro. Antes de presenciar o encontro da sétima xornada de Primeira División en Burela, pola mañá, o técnico da Vermella apadriñará a apertura oficial do Curso 2013-14 de formación de adestradores, baixo a organización da Federación Galega de Fútbol. “Planificación e organización da Selección Nacional Absoluta. Mundial de Tailandia 2012” será o título do relatorio de Venancio López, que comezará ás 11.00 horas, no IES Monte Castelo, con entrada aberta para todo o público interesado.



Entradas


No pavillón, as entradas estarán dispoñibles desde as 17.30 horas, con taquillas diferenciadas para socios (5 euros/maiores de 14 anos e 1 euro/de 0 a 13 anos) e o resto do público (20 euros/maiores de 14 anos e 3 euros/de 0 a 13 anos).



Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores