Noticias
12 de outubro de 2013
Espectacular remontada no primeiro triunfo de Vista Alegre
Foto: A Caixa Escura Foto: A Caixa Escura


Vista Alegre viviu esta tarde a primeira gran festa de Primeira LNFS. O Burela FS Pescados Rubén conseguiu o seu primeiro triunfo na casa, nun partido frenético, cunha espectacular remontada dos laranxas na segunda parte e unha recta final de vertixe, con perigo en ambas as porterías.


Aínda que o Burela FS comezou con máis forza e perigo sobre a meta rival, o Manacor soubo presionar e aproveitar as súas ocasións. Os visitantes adiantáronse no marcador no minuto 8, logo dun erro laranxa en saque de banda, que finalizou Taffy coando o esférico entre as pernas de Álex. Mata quixo igualar a contenda segundos despois, sen éxito, nun potente mísil que salvou Barrón. Intentárono Iago, revolvéndose na área, Mata, a balón parado, e ata David Burrito e Mimi, pero de novo o acerto caeu ao lado insular, co 0-2 de Joselito que superou as filas mariñás e anotou de vaselina, minuto 16. A man de Chicho nunha tentativa de Isi, no 17, propiciou o 1-2 para os galegos, coa transformación do penalti nos pés de Mata. Con este resultado chegou o tempo de descanso, cunha oportuna aparición de Álex cara a cara con Chicho, a 4 segundos da bucina.


Volveu ao terreo de xogo o Burela FS con fame de gol. Antes de cumprirse o primeiro minuto Mata puxo en pé a Vista Alegre cun potente disparo e, segundos máis tarde, volveron ter o empate nas súas zapatillas Mata e Antoñito, nunha soa acción desde saque de esquina. Cando máis o estaba traballando o Burela FS, e logo de de dúas grandes ocasións coas parellas Antoñito-Mata e Iago-Mimi, o Manacor volveu golpear subindo o 1-3, de Chicho, no minuto 28. Lonxe de deixarse vencer, os mariñáns aínda puxeron máis corazón, pero tamén cabeza fría, e aí comezou o gran vórtice, a operación remontada. Isi reduciu distancias un minuto máis tarde (2-3), enganchando de volea un saque de esquina. Christian, saíndo vitorioso de cabeza na pugna do balón cun defensa manacorí, subiu o empate no 30.


Nos dous minutos seguintes, a calidade de David Burrito acendeu a súa chama para adiantar os locais, e por partida dobre, con espectacular ovación de Vista Alegre; o andaluz aproveitou un pase longo cruzado de Juanma para anotar o 4-3 (31) e ofreceu un recital con 5-3 (32) desartellando en solitario pola banda a defensa visitante e sorprendendo a Barrón, que pechaba a fugaz aposta de xogo de cinco -con Joselito- pola que optara Tomás de Dios segundos antes. Continuaba a festa laranxa, co 6-3 de Matamoros, que se entendeu á perfección con Iago Míguez para culminar no 34. A nova aparición de Chicho recortando as distancias, con 6-4, segundos despois, non freou o monólogo burelista, que volveu perforar a meta de Barrón coa denominación de orixe Matamoros, a balón parado de lonxe (7-4, minuto 35).


A falta de tres minutos para o final, o Manacor intentou remontar con Vega como porteiro xogador, cos seus froitos, no 37, de Chicho, nunha xogada na que recibiu amoestación Isi, e no último minuto de xogo, de Taffy. A defensa laranxa conseguiu manter a renda nos últimos segundos para facerse coa primeira vitoria como local.



Ficha técnica


Burela FS Pescados Rubén: Álex, Mimi, Isi, Matamoros e Christian, quinteto inicial; tamén xogaron Iago Míguez, Antoñito, Juanma, Burrito


H. Llevant Manacor: Carlos Barrón, Vadillo, Joao, Joselito e Bruno Taffy, quinteto inicial; tamén xogaron Chicho, Vega, Manu Orellana, Lemine


Goles: 0-1, minuto 8, Taffy; 0-2, minuto 16, Joselito; 1-2, minuto 17, Matamoros; 1-3, minuto 28, Chicho; 2-3, minuto 29, Isi; 3-3, minuto 30, Christian; 4-3, minuto 31, David Burrito; 5-3, minuto 32, David Burrito; 6-3, minuto 34, Matamoros; 6-4, minuto 34, Chicho; 7-4, minuto 35, Matamoros; 7-5, minuto 37, Chicho; 7-6, minuto 39, Taffy


Árbitros: Gallo Suárez// Velasco Martínez (Asturias)


Tarxetas: Amarela, por Burela FS, a Iago Míguez (minuto 15), Mimi (minuto 27), Isi (minuto 37). Expulsión a Chicho, en Manacor FS, por dobre amarela (minutos 17, 39)


Incidencias: Partido correspondente á quinta xornada de Primeira División LNFS disputado en Vista Alegre. Ao redor de 1000 afeccionados/as.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores