Noticias
10 de outubro de 2013
O Burela FS B repite en Vista Alegre
Fonte: A Caixa Escura

O Burela FS Pescados Rubén B repetirá en Vista Alegre esta semana. Na busca da primeira vitoria da tempada, os laranxas recibirán na terceira xornada o novel A Estrada FS (16.00 horas), o sábado antes do encontro de Primeira LNFS entre o conxunto de Juanlu e o H. Llevant Manacor (18.30 horas).


Cun empate e unha derrota na retina, o cadro mariñán medirase a un dos catro equipos de Terceira División que aínda non puntuou. A Estrada FS chegará á bisbarra despois de caer en dúas citas de moitos goles, ante Pazos de Borbén (7-5) e Santiago Futsal (4-5). Non entanto, o técnico laranxa, Iván Cao ‘Lucas’, non se mostra confiado: “É un conxunto de nova creación, pero con xogadores con experiencia; nutriuse do Automoción La Junquera, que abandonou Segunda B a tempada pasada, e tamén posúe xente da base do Santiago” explicaba o adestrador. “Despois de perder tres puntos importantes na casa, nun partido no que creo que merecemos algo máis, necesitamos que a primeira vitoria sexa este sábado” concluíu Lucas.


Antón Couto, que cumprirá o segundo dos catro partidos de sanción con que foi amoestado en Santiago, Bruno de Nois, en plena recuperación, e Carlitos, convocado co equipo sénior, serán as ausencias nas filas laranxas.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores