Noticias
17 de maio de 2013
Recepción oficial para as campioas en Burela

En plena preparación do próximo reto laranxa, a Copa de España Bilbao 2013 (24, 25 e 26 de maio), o Burela FS Pescados Rubén recibiu onte a homenaxe do Concello de Burela. Xogadoras, corpo técnico, directiva e patrocinadores foron acollidos no salón de plenos do consistorio polo alcalde, José María González Barcia; tamén participaron na recepción oficial o tenente de alcalde, Manuel Fernández, e as responsables das áreas de Deportes, Cultura e Mar, Beatriz Piñeiro, Mónica Pedre e Patricia López, ademais dos concelleiros socialistas Alfredo Llano, Remedios López e Ángela García.


Felicitando a estrutura laranxa e os protagonistas do título de liga, o rexedor entregou a responsables do club unha placa conmemorativa e unha réplica da figura institucional do Concello. O presidente burelista, José Ramón González Casas, así como o técnico, Javier Pardeiro, e a capitá Dolo agradeceron o “apoio e o agarimo demostrados por todo a vila e a comarca ao longo destes anos e, especialmente, a marabillosa e incrible resposta de Vista Alegre no partido decisivo”.


O acto tivo lugar nun salón repleto, con multitude de afeccionados que volveron a ovacionar e vitorear o equipo que adestra Pardeiro. Antes de clausurar a recepción coa foto oficial, Dolo deixou a pegada laranxa no libro de ouro do municipio: “Ao Concello de Burela e a toda a súa xente, moitísimas grazas polo seu agarimo e recoñecemento. Sempre lembraremos o vivido con todos vós”.


O de Burela é o segundo recoñecemento institucional para as laranxas. A principios de semana foron recibidas na Deputación de Lugo e o vindeiro martes a Xunta de Galicia renderalles homenaxe.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores