Noticias
10 de maio de 2013
Máis alá dos soños



Cinco anos despois do seu debut en Prata, o Burela FS Pescados Rubén terá mañá na súa man a posibilidade de proclamarse campión da Primeira División RFEF. Vista Alegre, con entrada gratuíta, agarda cheo absoluto para a cita laranxa coa historia de elite; Jozi, Dany, Lidia Mesías, Dolo, Silvia, Peque, Haydee, Lara, Patri, Lucía Nespereira, Maite e Paula, pero tamén Javier Pardeiro, Alfonso Mera, Dolores Fernández e Ramón Cordido, estarán arroupados pola gran marea laranxa para facer valer o seu punto de vantaxe sobre o flamante e todopoderoso Atlético de Madrid Navalcarnero.

Despois dunha arrasadora campaña en Twitter (#FSFmereceTV), a pugna entre o liderado laranxa (67) e a segunda praza colchoneira (66) e, posiblemente, o título da máxima categoría decidirase ante as cámaras de TVG2 (20.00 horas). Unha vitoria na antepenúltima xornada de liga, última para as burelistas, permitiríalle ao Pescados Rubén cantar o alirón.

“Para o Burela FS o partido de mañá é un reto sen precedentes, non só polo título que está en xogo senón pola entidade do rival. O Burela FS, un equipo baseado en constancia e esforzo dunha pequena vila, terá enfronte ao actual campión, repleto de internacionais pertencente a un club histórico. Despois desta gran tempada, para a familia laranxa non hai lugar máis que para o orgullo” explicou o director xeral, José Luis Sáez, que volveu agradecer a disposición da CRTVG para que esta gran final se poida seguir en directo  e as facilidades ofrecidas pola Real Federación Española de Fútbol e o Atlético de Madrid, ademais do “impresionante apoio e ánimos que o club está recibindo tanto da afección coma das institucións”.

Javier Pardeiro terá ás súas ordes todo o cadro. Na convocatoria madrileña figuran Vane, Ju Delgado, Isa García, Leti, Natalia, Fabi, Isa, Anita Luján, Beíta, Priscila e Trini; Elena, que tamén viaxará, será baixa por embarazo.


Amigable. O Burela FS Pescados Rubén de Primeira División LNFS despediu onte a tempada 2012-13 cun amigable en Vista Alegre ante o Futsal Minerva, campión da liga suíza. Os pupilos de Juanlu impuxéronse 4-2  nun partido de cor laranxa cunha activa participación das promesas do Burela FS B Carlos, Antón , Keko e Brais, con descanso para Mata e Juanma.  Con infinidade de ocasións, Iago Míguez subiu o 0-1 xa no minuto 4, asistido por Carlos. A escuadra suíza igualou a contenda no 6, na única oportunidade da primeira parte, dende saque de esquina.  Tres minutos máis, Christian fixo a aparición goleadora estelar por partida dobre, aproveitando un saque de esquina que coou entre as pernas do meta e culminando unha trepidante galopada de Iago Míguez. Aínda crearon moito perigo os burelistas sen fortuna. Tras o descanso e coa resistencia dos paus, houbo que agardar ata o minuto 33 para ver o 4-1, de Carlos. No 34, o Futsal Minerva, con máis vontade que perigo, maquillou o resultado (4-2) nun rexeitamento.



Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores