Noticias
5 de maio de 2013
Preparadas para a final, a 40 minutos do título



O Burela FS Pescados Rubén volveu facer os deberes hoxe e impúxose con solvencia ao Roldán FSF (1-3) para seguir escribindo a historia laranxa. “Foi un partido serio, aínda que sen demasiada vistosidade xa que a espera do Roldán FSF en media pista non permitiu demasiada alegría. Regresamos coa ledicia de cumprir co obxectivo e preparadas para a final”, explicaba o técnico, Javier Pardeiro, na viaxe de volta, co Atlético de Madrid Navalcarnero xa no centro do pensamento laranxa. O Burela FS está a tan só 40 minutos do título de Primeira; dende o liderado, recibirá na penúltima xornada (última para as laranxas) as madrileñas, que se manteñen un punto por detrás despois da vitoria ante o Ponte Ourense (4-2). Se non hai cambios por unha posible emisión televisiva, o encontro de Vista Alegre disputarase o sábado 11, ás 18.00 horas (horario unificado).

As burelás saltaron á pista deixando patente o seu dominio. Dende o comezo as ocasións foron para as visitantes cun rival que agardou en media pista e optou pola contra como recurso. En torno ao minuto 5, Peque e Dany avisaron con senllos disparos, sen fortuna. As chegadas murcianas, aínda que escasas, potenciaban perigo pero aí estaban as galegas para frealas; unha das máis claras, en contraataque, conseguiu desbaratala Jozi nunha excelente intervención (minuto 11). Tras o tempo solicitado por Roldán, a vantaxe tan merecida do Burela FS subiu ao electrónico nas zapatillas de Dany (minuto 14) a pase de Peque. Dous minutos despois a madrileña volveu asistir a Dolo para anotar o 0-2. Con Dany, moi activa, reapareceu o nerviosismo na área murciana segundos máis tarde.  Con cinco faltas para as locais, Haydee puido ampliar as distancias nun dobre penalti antes do descanso.

O 0-2 da primeira parte converteuse axiña en 0-3, cun gol de Haydee, a pase de Dany, nos primeiros segundos do reinicio. A partir de aí, o Roldán FSF adiantou as liñas e intentou apertar para darlle a volta ao marcador, cunha concentración absoluta en defensa da banda laranxa. A falta de 9 minutos para o final, a locais optaron co xogo de cinco como revulsivo; Mayte Mateo atopou o 1-3, no minuto 35, dende media pista.  As burelistas mantivéronse imperturbables, sen sufrir, co triunfo como meta; no último minuto, Peque aínda puido ampliar o definitivo 1-3.  


Ficha técnica

Roldán FSF:  Grandy, Marta Pelegrín, Sarita, Mayte Mateo e Cristina Póveda, cinco inicial; también xogaron Maca, Miriam, Cente, Pepa, Pelu, Andrea

Burela FS Pescados Rubén:  Jozi, Lucía, Haydee, Lidia e Peque, cinco inicial; tamén xogaron Dany, Dolo, Maite

Goles: 0-1, minuto 15, Dany; 0-2, minuto 16, Dolo; 0-3, minuto 21, Haydee; 1-3, minuto 35, Mayte Mateo

Tarxetas: Amarelas a Marta Pelegrín (34), por Roldán FSF; Lucía (19) e Maite (25), por Burela FS



Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores