Noticias
25 de maio de 2012
As laranxas botan o peche a domicilio ante o descendido Rubí

O Burela FS Pescados Rubén despídese das viaxes ligueiras, na penúltima xornada, cunha excelente oportunidade na tentativa de escalada, a visita ao xa descendido Esportiu Rubí FS catalán. O pavillón municipal La Llana acollerá o encontro mañá a partir das 18.00 horas, en horario unificado para a Primeira División Feminina.

Dende a quinta praza (59 puntos), as pupilas de Javier Pardeiro apuran a recta final da liga para mellorar a súa posición na táboa con vistas á Copa de España Valladolid 2012 (7-10 de xuño). Despois de facer ben os deberes, o duelo entre Móstoles (63) e Ponte Ourense (60) pode proporcionarlle un importante empurrón. Tamén deberá estar atento ao outro rival inmediato, Gironella (60), aínda que a priori ten un desprazamento máis accesible, á cancha do Diamante Logroño, undécimo (28). Pisándolles os talóns ás burelistas, o Cajasur Córdoba (57) terá o difícil desprazamento a Alacante, que con 42 puntos e dende a oitava praza pelexa por coarse entre os privilexiados da cita copeira.

Na bomboneira, o electrónico reflectiu a superioridade laranxa cun contundente 6-0, con tantos de Lidia (3), Ro (2) e Haydee.

Última xornada. A escuadra mariñá clausurará a competición regular en Vista Alegre o vindeiro sábado (18.00 horas), 2 de xuño, fronte ao UA Alicante e rodeada do impresionante ambiente festivo das patronais de Burela.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores