Noticias
24 de maio de 2012
O Burela FS buscará romper as estatísticas e sentenciar a eliminatoria en Manzanares

O Burela FS Pescados Rubén xa está en terras castelás na busca dunha sentenza exprés da primeira eliminatoria de play off e co firme propósito de romper as estatísticas de imbatibilidade do Manzanares na casa. O segundo cara a cara entre manchegos e galegos comezará mañá ás 20.45 horas, no municipal, coa importantísima baza do 3-1 da semana pasada en Vista Alegre para os laranxas. 

Os números ligueiros en Manzanares poden provocar auténtica vertixe: 43 puntos sobre 45 posibles, con 14 triunfos e 1 empate, do Playas de Castellón. No entanto, para o técnico Julio Delgado isto non debe ser preocupante: “As sensacións do grupo son óptimas e as estatísticas están para romper. Nestes momentos, nós posuímos a vantaxe no marcador, que se completa co bo recordo do partido de liga; os pequenos detalles provocaron que o resultado non nos acompañara (3-2) e diso foi moi consciente o Manzanares, coas demostracións de euforia ao soar a bucina”. 

Segundo expuso o adestrador laranxa, “intentaremos manter a filosofía do primeiro encontro, traballando moito o balón e provocando a incomodidade do rival”. “É certo que tamén teremos que pelexar contra unha pista moi lenta, que prexudicará a fluidez de circulación e favorecerá a defensa do Manzanares, pero non creo que sexa un factor determinante; para iso xa adestramos hoxe e tamén o faremos mañá en Valdepeñas, nunha superficie similar”, explicou Julio Delgado.

Outro dos hándicaps para os galegos residirá na afección rival: “É un público que aperta moito; estamos mentalizados de que terán o ambiente da bancada a favor, aínda que a nós tamén nos pode motivar. Prefiro unha afección en contra que un pavillón baleiro” sentenciou Julio, que depositou no Manzanares toda a ansiedade: “O rival xógase todo mañá. A realidade di que a presión é para o que quedou segundo clasificado e puxo contra as cordas no ascenso o Oxipharma. O Burela FS, pola contra, pode dosificar e marcar os tempos porque aínda ten marxe de rectificación“ concluíu o técnico mariñán.

Julio Delgado disporá dos mesmos efectivos ca en Vista Alegre, co xuvenil Keko e coa posibilidade de incrementar a importante presenza de Purao nas rotacións. O equipo manchego, pola súa banda, recupera a Zamo para este encontro tras cumprir un partido de sanción pola vermella que viu fronte a Gáldar, un xogador no que o propio vestiario ten depositada moita da súa confianza para bater a férrea defensa do Burela FS. Segundo a información facilitada polo Manzanares FS, Maka e Marcos, que entrenaron toda a semana con normalidade, tamén serán da partida e a única dúbida será Teto, que arrastra molestias e que fará unha proba no quentamento para ver se finalmente entra na convocatoria.

No caso de que haxa que recorrer ao desempate, o terceiro encontro da eliminatoria será o domingo, ás 19.30 horas.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores