Noticias
11 de maio de 2012
Gañar ou gañar

Vista Alegre vestirase de gala para apoiar ao CD Burela FS Pescados Rubén en busca da praza que outorga o dereito a disputar o Play Off de Ascenso á máxima categoría nacional. A cita é o sábado día 12 a partir das 18.00 horas, horario unificado establecido pola Liga Nacional de Fútbol sala.

O conxunto dirixido por Julio Delgado enfróntase nesta última xornada ligueira ao Fuconsa Jaén, cuarto clasificado con 48 puntos e que se xoga manter a súa posición co Gáldar Gran Canaria. Na escuadra andaluza, dúas caras coñecidas para a afección burelense como son as do seu técnico, Dani Rodriguez e a do á-pivot Antonio Minuesa “Minu”, ambos luciron a elástica laranxa durante varias tempadas.

As opcións do equipo burelense pasan por “gañar ou gañar ao Fuconsa Jaén” tal como manifestou o técnico laranxa que considera vital “o apoio da nosa afección. Estou convencido que, como sempre, responderá e transmitiranos a súa forza e ilusión para alcanzar o obxectivo desexado. O equipo está preparado e mentalizado ao 100%”.

Ata cinco equipos optan aos catro postos de play off pendentes de definir; Antequera, África Ceutí, Hotels Praza Andorra, Martorell FS e o CD Burela FS Pescados Rubén polo que a xornada preséntase chea de emocións e incerteza.

A única baixa segura para o cadro mariñán é a de Bebeto, aínda que a participación de Purao é dubidosa ata última hora. O peche laranxa apurará as súas opcións para poder axudar ao seu equipo nesta cita decisiva.


Acompañante laranxa. Os socios/as do CD Burela FS Pescados Rubén poden invitar a un acompañante para presenciar o duelo ante o Fuconsa Jaén. A única condición exixible é levar a cor laranxa nalgunha peza.

 

OPCIÓNS
O CD Burela FS Pescados Rubén xoga o Play Off si…


1- Gana ao Fuconsa Jaén e empatan ou perden Antequera, África Ceutí ou Andorra. Tamén lle serve unha derrota do Martorell FS na súa visita ao El Pozo Murcia.


2- Empata co Fuconsa Jaén e perde Hotels Praza Andorra na pista do Gasifred Eivissa ou o África Ceutí na cancha do líder, Oxipharma Granada.

 

O CD Burela FS Pescados Rubén non xoga o Play Off si…


1- Gana ao Fuconsa Jaén e fan o mesmo Antequera, África Ceutí e Hotels Praza Andorra ou puntúa o Martorell FS.


2- Empata co Fuconsa Jaén e non perde Hotels Praza Andorra.


3- Perde ante o Fuconsa Jaén

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores