Noticias
28 de marzo de 2012
Táctica e liderado, na voz de Venancio López

A táctica e o liderado vertebraron esta tarde a lección maxistral do seleccionador nacional, José Venancio López Hierro, no IES Monte Castelo de Burela, integrada no Curso de Instrutor de Fútbol Sala Base que organiza a Federación Galega de Fútbol e que conta coa colaboración do CD Burela FS Pescados Rubén. Na súa visita á Mariña, o técnico estivo arroupado polo presidente da Federación, José García Liñares, e polo director da Escola Galega de Adestradores, Rafael Sáez Aboal. Venancio López tamén estivo acompañado polo xefe do Servizo de Deportes en Lugo da Xunta de Galicia, José Manuel Rozas; o vicepresidente da Federación, Plácido Díaz; e o alcalde de Burela, José María González Barcia; así como de directivos do CD Burela FS e profesorado do curso, entre outros.

Tanto o alumnado de Instrutor de Fútbol Sala Base e do ciclo de Actividades Físicas e Deportivas do IES Monte Castelo coma xogadores e xogadoras do club laranxa, ademais doutro público interesado, internáronse na táctica futbolística a través da suxestiva oratoria de Venancio López, que escolleu a “Conceptualización e desenvolvemento das situacións de superioridade 3x2” como parcela de transmisión neste novo encontro cos profesionais mariñáns do fútbol sala. Así mesmo, o seleccionador tamén abordou a relevancia da dirección e liderado nos deportes colectivos como peche da súa intervención.

Xunto á sabedoría de Venancio López, a bisbarra tamén puido gozar na xornada de hoxe da presenza da Copa de Europa de Fútbol Sala. O trofeo máis recente da Selección Española, que se proclamou campioa en Croacia o mes pasado, recibiu numerosas visitas tanto na casa consistorial, ao longo da mañá, como no IES Monte Castelo, xa pola tarde.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores