Noticias
26 de marzo de 2012
Venancio López, no curso de Instrutor de Fútbol Sala Base de Burela

O seleccionador nacional absoluto de fútbol sala, José Venancio López Hierro, ofrecerá unha lección maxistral o vindeiro mércores, 28 de marzo, destinada ao alumnado do Curso de Instrutor de Fútbol Sala Base que a Federación Galega de Fútbol organiza o presente curso en Burela, co club laranxa como colaborador. O IES Monte Castelo acollerá o devandito relatorio ás 17.00 horas.

José Venancio compartirá a súa experiencia na formación de base cos futuros adestradores mariñáns, así como co estudantado do ciclo superior de Actividades Físicas e Deportivas do centro educativo e xogadores/as e corpos técnicos do CD Burela FS.

Dúas décadas á fronte dos bancos afianzan a traxectoria de José Venancio (Bilbao, 1964), dende o Europcar Leioa, Bilbo, Castro Urdiales e Caja Segovia ata a Selección de Guatemala, o Autos Lobelle de Santiago e a Selección Española, cargo no que debutou como primeiro adestrador o 20 de outubro de 2007. O seleccionador pode congratularse de ostentar no seu palmarés máis recente o título de campión de Europa no Porto 2007, Debrecen 2010 e Zagreb 2012, ademais de ser subcampión do Mundo no Brasil 2008.

O seleccionador visitou Burela en xaneiro de 2011, coincidindo co I Encontro do Deporte Base na Mariña, organizado polo CD Burela FS; nesta cita o club distinguiuno co seu galardón máis prezado, a Insignia de Ouro e Brillantes. Con anterioridade, a entidade laranxa xa tivo a oportunidade de deleitarse coa sabedoría de José Venancio no Campus Internacional Mixto, en 2009. A afección mariñá tamén gozou co xogo da selección española baixo a batuta do estratega  ante Romanía (outubro de 2007) e Uruguai (febreiro de 2008).

 

Eurocopa. O vindeiro mércores, ademais, a afección da Mariña terá o privilexio de contemplar de preto o último trofeo do prolífico palmarés da Selección Española de Fútbol Sala, a Eurocopa; o conxunto que capitanea Venancio López proclamouse campión europeo o pasado mes de febreiro en Croacia nunha apaixonante final ante Rusia (3-1). O trofeo estará exposto a todo o público na casa consistorial de Burela pola mañá, entre as 10.00 e as 13.00 horas, e pola tarde poderá visitarse no IES Monte Castelo, de 17.00 a 19.00 horas.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores