Noticias
23 de marzo de 2012
O Burela FS reta a revelación manzanareña

O Burela FS Pescados Rubén retará a cancha do Manzanares, revelación no seu debut en Segunda, ocupando a actual segunda praza (41 puntos). A cita arrancará ás 18.00 horas no municipal da localidade cidaderrealeña.

O cadro laranxa medirase a un rival que resulta un verdadeiro parapeto na súa pista: 30 dos seus 41 puntos conseguiunos como local. Ata o momento ningún equipo puido facerse cos tres puntos en terras manzanareñas e tan só o Playas puido arrebatar o empate, na terceira xornada (3-3). Ademais, a segunda volta non se lle está dando nada mal; encadea 5 vitorias.

No entanto, tras a inxección anímica da semana pasada, co triunfo fronte ao líder granadino (4-1), o Burela FS (30 puntos) chegará a Manzanares disposto a todo, seguro de si mesmo e do xogo que pode despregar. Na expedicion mariñá, Clebinho e Purao viaxaron con molestias; entrou na convocatoria o ala xuvenil Antón Couto.

Na primeira volta, o Burela FS dominou a cita cun tallante 10-3.

Nos cálculos laranxas de escalada para esta xornada cobra protagonismo o duelo entre UA Ceutí e Hotels Plaza Andorra, que ocupan a oitava e novena praza empatados a 32 puntos. Asediando os intereses do Burela FS, o UPV Maristas Valencia (29) ten unha complicadísima tarefa na casa do primeiro clasificado e o UMA Antequera (27) desprázase á cancha do Gáldar Gran Canario, cuarto.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores