Noticias
16 de marzo de 2012
Víctor López: ‘Xogar na casa e contra o líder é o mellor aliciente para o Burela FS’

O espectáculo está garantido para a 23ª xornada de Segunda coa visita do primeiro clasificado, Oxipharma Granada, a Vista Alegre (sábado, 18.30 horas). Para a última incorporación no vestiario laranxa, Víctor López, o encontro promete, e moito: “Xogar na casa e contra o líder é o mellor aliciente para o Burela FS”, asegurou o madrileño, que tamén se recoñeceu adaptado, a pesar de recalar na Mariña nunha época de moitos cambios.

A bancada laranxa reencontrarase cun vello coñecido, Edu Saavedra, custodiando a última liña defensiva do gran candidato (51 puntos) ao ascenso a Primeira. Coa mirada nos postos de play off, a escuadra de Julio Delgado (27 puntos) terá un importante reto fronte ao conxunto que tamén lidera as marcas de máximo goleador (115) e menos goleado (59), para o que o vestiario chega en boas condicións física e animicamente: “Estamos nunha boa etapa de xogo, que comeza a ter o seu paralelismo nos resultados. Ademais, este descanso tamén nos veu moi ben para recuperar efectivos, como Brais e incluso eu mesmo, que arrastraba molestias por un golpe nun pé”, explicou o xogador madrileño.

“Vai ser un partido de ti a ti. O ambiente de Vista Alegre dános ganas e enerxía para plantarlle cara a calquera. Somos conscientes da condición do rival, un equipo con moita experiencia que sabe levar á perfección o ritmo do partido, pero intentaremos bloquealo cunha forte intensidade”, concluíu Víctor López.

Á convocatoria de Julio Delgado volverá Brais, xunto a Iago Barro, para defender a portería laranxa, despois dunha lesión de abdutor que o mantivo afastado das canchas dous meses.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores