Noticias
5 de marzo de 2012
Esmagadora vitoria do Panificadora sobre o Poio FS (8-2)

A inxección do Panificadora del Eo-Ribadeo FSF foi letal sobre o Poio (8-2). Aínda que as mariñás comezaron perdendo 0-2, cando aínda non transcorreran catro minutos, un tempo morto permitiulle a Martínez recompoñer a defensa para converterse nunha apisoadora, con marxe de 6-2 xa ao descanso.

As xogadoras do Panificadora entraron no partido con máis corazón ca cabeza e atopáronse cun Poio que xa intentaba resolver nos primeiros minutos. Nerea e Paula puxeron as visitantes por diante en senllos fallos defensivos das locais. A partir de aquí, as ribadenses exerceron unha intensa presión na saída de balón do equipo rival que as visitantes non puideron soportar e así viron como as de Martínez se facían con balóns un tras outro e ata en seis ocasións. Elena, no minuto 7, iniciou a conta goleadora para as ribadenses e 17 segundos máis tarde volveu aparecer para pór as táboas. Elvira substituíu a Elena; no minuto 10 adiantou as locais e no 13 puxo o 4-2. Toñi, no 15, e Arancha, no último minuto, levaron o quinto e o sexto ao luminoso para irse ao merecido descanso.

Na segunda metade as ribadenses saíron un pouco máis especulativas co obxectivo de non encaixar máis goles, cousa que cumpriron á perfección con algunha boa intervención da porteira Antía. O seu traballo viuse compensado no minuto 25 ao conseguir Sabela o 7-2. A falta de dous minutos e medio, Iria rematou a faena no segundo pau ao enviar ás mallas un bo pase de Nuria. Era o 8-2 definitivo, aínda que o marcador puido ser máis amplo, con outras dúas ocasións de Iria, coa porteira visitante xa batida.

Esta contundente vitoria dálles moral ás xogadoras de Martínez para enfrontarse a próxima fin de semana ao CD Riazor FS na Coruña.

Provincial feminina. O partido do Xoula co Quiroga FSF foi aprazado á vindeira fin de semana por petición do equipo visitante.

Provincial masculina. Xornada de descanso para o equipo mariñán, que se desprazará a Bóveda a próxima fin de semana para enfrontarse ao CD Riomao-Chamouco FS, terceiro clasificado con 30 puntos, 7 por arriba dos ribadenses.

 

Ficha técnica

Panificadora del Eo-Ribadeo FS: Antía, Ana, Toñi (1), Elena (2) e Nuria, cinco inicial; tamén xogaron Sabela (1), María, Elvira (2), Eva, Arancha (1) e Iria (1).

Poio FS: Carmen, Claudia, Bibiana, Paula (1) e Nerea (1), cinco inicial; tamén xogaron Laura, María Segura, Tania, Rebeca e María Soares.

Árbitros: Javier Menéndez Nistal e Vanesa Fernández Fernández, da delegación de Lugo, mostraron cartón amarelo a María Segura e expulsaron a Bibiana, por dobre amarela, ambas do Poio.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores