Noticias
4 de marzo de 2012
O Burela FS confórmase co empate (4-4) tras ver escapar os tres puntos na recta final


O Burela FS Pescados Rubén tivo que conformarse esta mañá cun 4-4 na cancha do Playas de Castellón, despois ver escapar unha vantaxe de 2-4 a falta de catro minutos. Os laranxas demostraron unha grande actitude no xogo, reviviron co electrónico en contra na primeira parte e melloraron tras o descanso, porén a recta final detivo as súas posibilidades.

Nun inicio moi equilibrado foron os locais os encargados de estrear o marcador; Beto, no minuto 9, tras recoller na área un rexeitamento. Víctor conseguiu o empate, só ante o porteiro castellonense, tras un roubo (minuto 12); aínda que pouco despois reapareceu Beto (minuto 15). No entanto, os laranxas non quixeron marchar ao descanso por detrás e conseguiron na responsabilidade de André a igualada, no 17.

No segundo período, o Pescados Rubén intensificou a presión. As claras ocasións de Víctor e Purao tan só foron o aviso para a chegada do capitán, Juanma, que puxo por diante os laranxas co 2-3 (29), nun contraataque. O Playas reaccionou con xogo de cinco, aínda que volveu aparecer Juanma para subir o 2-4 (36).

Cando todo parecía perfectamente encamiñado para facer a viaxe de regreso cos tres puntos, Cleber viu tarxeta amarela, no minuto 37, e Beto, por terceira vez, aproveitou para acurtar distancias de penalti. Un minuto despois, un dobre penalti de Juanma bateu no meta castellonense. A falta dun minuto Clebinho foi expulsado, coa segunda amoestación, pero Iago Barro puido conter a finalización do penalti. En inferioridade, os laranxas tiveron que afrontar o ataque levantino con porteiro-xogador, que conseguiu o empate a escasos segundos da bucina final.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores