Noticias
27 de febreiro de 2012
Leis Pontevedra FS 2-1 Panificadora del Eo-Ribadeo FS

As xogadoras de Martínez realizaron un extraordinario xogo defensivo no Municipal de Pontevedra, aínda que viron frustrado o seu traballo no minuto 7 da segunda metade (2-1), no único descoido que lle daba os tres puntos a un experimentado Leis con xogadoras que veñen sendo habituais nas aliñacións da Segunda División.

O Panificadora presentouse en Pontevedra cun equipo minguado polas baixas que veñen sendo habituais nas últimas xornadas. A reaparición da capitá María e da porteira Vanesa pola ausencia de Antía, xunto co debut da cadete Carla Bolaños na categoría, foron as novidades ribadenses para que Martínez puidese presentar tan só nove xogadoras ante o potente Leis.

O 1-0 chegou a cinco minutos do final da primeira metade ao transformar Bego un penalti, moi protestado, co que o colexiado sancionou o equipo visitante ao considerar man dunha xogadora dentro da área. Anteriormente, o Panificadora, por mediación de Ana e da meta Vanesa, acariñara a posibilidade de adiantarse no marcador ao enviar senllos disparos á madeira da portería local tras dous roubos de balón, cando as pontevedresas atacaban con porteira xogadora.

Na continuación as locais seguían dominando e atacando de cinco, pero as visitantes defendíanse con acerto e enviaban, desde o seu propio campo, perigosos balóns cara á portería local. O único descoido defensivo das ribadenses chegou no minuto 26, momento que aproveitou Gema para bater a Vanesa e subir o 2-0 ao luminoso. Este tanto daría os tres puntos ao equipo pontevedrés. O Panificadora acurtou distancias tres minutos máis tarde por mediación da María ao enviar ás mallas, desde o centro do campo, un balón roubado ao ataque local. Este gol deu esperanzas ás ribadenses, que adiantaron as súas liñas e presionaron á saída de balón do equipo local; así Arancha, sobre o toque de bucina, dispuxo dunha nova ocasión nun balón que saíu rozando a escuadra.

O Panificadora recibirá a próxima fin de semana o Poio, outro dos filiais que tamén poderá contar con xogadoras de categoría superior ao non haber competición nesta xornada de Segunda.

Provincial feminina. O Xoula segue adiante e xa son oito as xornadas consecutivas sumando pleno, esta vez á custa do Viveiro FSF (6-1). As ribadenses dominaron durante todo o encontro, con chegada ao descanso dun claro 3-0. No reinicio as visitantes conseguiron marcar primeiro, pero a reacción das locais foi instantánea e o resultado ao final do encontro aínda puido ser máis amplo a favor das ribadenses. Polo Xoula xogaron Elena, Elvira (2), Sabela (1), Iria e Antía, no cinco inicial, ademais de Ana (3), Carla Bolaños e Yoli. O Xoula terá un difícil compromiso a vindeira fin de semana recibindo o Quiroga, un dos tres equipos que conseguiron vencer as ribadenses na presente tempada. O Quiroga é terceiro a 8 puntos do Xoula e con dous partidos menos.

Provincial masculina. O Hotel Roma de Sarria, líder, levou os tres puntos de Ribadeo nun partido con dominio alterno e cuxo resultado rompe as opcións dos mariñáns de achegarse aos postos de ascenso. Sen goles na primeira parte, na continuación foron os visitantes os que saíron con máis acerto ata poñerse cun parcial de 0-2. Os locais reaccionaron e conseguiron igualar, pero unha perda de balón no inicio do ataque dos locais nos momentos finais do partido facilitoulles aos de Sarria dun forte disparo pór o 2-3 definitivo. Diego e Sergio anotaron polo Ribadeo, que gozará da xornada de descanso a próxima fin de semana.

 

Ficha técnica

Leis Pontevedra FS: Luz Bugallo, Magali, Andrea Fachendosa, Silvia e Bego (1), cinco inicial; tamén xogaron Gema (1), Andrea Ferrón, Nati, Adriana, Carmen e Andrea Rodríguez.
Panificadora del Eo-Ribadeo FS: Ana, Toñi, Elvira, María (1) e Vanesa, cinco inicial; tamén xogaron Elena, Iria, Arancha e Carla Bolaños.
Árbitros: Varela Ortigueira e Mouriño Sanmartín, da delegación de Pontevedra.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores