Noticias
25 de febreiro de 2012
O Burela FS Pescados Rubén rompe a súa etapa negativa ao vencer por 6-4 o Hospitalet Bell Sport

O Burela FS Pescados Rubén rompeu a súa etapa negativa ao derrotar por 6-4 o Hospitalet Bell Sport nun encontro emocionante e con alternativas no marcador. Logo de nove xornadas, o conxunto burelense catou o sabor do triunfo, aínda que non o tivo doado ante un conxunto catalán que obrigou os pupilos de Julio Delgado a manter a intensidade ata o final.


O choque comezou da peor forma posible para os intereses laranxas, xa que o Hospitalet estableceu nunha contra o 0-1 por mediación de Guille, minuto dous de xogo. As imprecisións e a ausencia dun dominador claro foron a tónica do primeiro terzo de partido. A reacción local chegou tras un zurdazo raso e cruzado de Ique (1-1), minuto nove, que deu paso a uns minutos eléctricos dos laranxas ao contragolpe. Christian lanzou ao pau pero Purao non perdoou, tras excelente pase de Víctor López, o 2-1 aos once minutos.

Aos poucos, o Burela foi mostrándose máis dominador e gozando de maior claridade ofensiva. Cleber, a pase de André, estrelou o balón na madeira e instantes despois estableceu o 3-1 (min.16). Nunha falta frontal, Ique lanzou un potente disparo que Cleber tocou o suficiente para despistar e bater a meta catalá. Con este marcador chegouse ao descanso.

Na continuación, o Burela permitiu entrar no partido a un Hospitalet que aproveitou as concesións locais. O 3-2 foi obra de Cardona, roubo e disparo potente e seco fusilando a meta defendida por Iago Barro, minuto 24. Acto seguido, nunha xogada clásica dos cataláns, pase ao pivote e continuación, Guille igualou o marcador cun potente disparo cruzado.

Tras uns minutos de incerteza, Juanma logrou adiantar de novo o Burela nunha gran acción individual. O capitán laranxa tamén marcou o 5-3 ao transformar un penalti e cando se presumía un final tranquilo, chegou a expulsión de André, por dobre amoestación (min.37), deixando o Burela nunha inferioridade que aproveitou rapidamente o Hospitalet para situar o 5-4 no electrónico a dous minutos do final.

Os visitantes apostaron polo xogo de cinco, aínda que a incerteza quedou finalmente despexada nunha boa combinación laranxa que Cleber culminou a porta baleira para situar o 6-4 definitivo.


Bebeto. O xogo estivo parado durante uns minutos debido a que o xogador brasileiro sufriu un forte golpe nas costelas que lle impediu continuar o partido.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores