Noticias
23 de febreiro de 2012
Hospitalet, obxectivo do Entroido Laranxa

O Hospitalet Bellsport, con tan só 1 punto de vantaxe sobre os mariñáns, será o obxectivo do Burela FS Pescados Rubén e do Entroido Laranxa para 21ª xornada da Segunda División. Este sábado Vista Alegre acollerá a festa de Don Carnal, con entrada gratuíta para os/as afeccionados/as disfrazados, a partir das 18.30 horas.

O cadro burelista pelexará por definir e pechar a cita desta semana para despedirse dun tedioso período sen boas novas. “Debemos xogar coma se fose unha final” asegurou o ala-peche Cleber Rafael Barbosa, Clebinho, que destacou “a fortaleza dunha defensa adiantada” como unha das principais virtudes dos cataláns.

O Hospitalet chegará á bomboneira tras dúas derrotas (Eivissa 2-1 e Martorell 4-5), a pesar de comezar moi ben a segunda volta, con empate ante o líder granadino (4-4) e triunfos ante Manzanares (4-2) e Melilla (5-3). Os burelaos deberán facer valer o factor cancha ante un rival que só leva 7 puntos como visitante de 30 posibles, con tan só unha vitoria, en Ceuta (0-2, 13ª xornada).

As boas sensacións para facer realidade o cambio reinan no banco laranxa. “Estamos adaptándonos moi ben á idea de xogo de Julio Delgado e cada vez estamos máis unidos” descubriu o brasileiro, que incidiu tamén na necesidade de trasladar ”o bo traballo táctico dos adestramentos aos resultados dos partidos“. “Debemos loitar ata o final polos tres puntos e regresar a onde este club e esta afección se merecen”, concluíu Clebinho.

Julio Delgado terá á súa disposición todo o vestiario, a excepción de Brais, en plena recuperación da súa lesión de abdutor.

En terras catalás o Burela caeu por 4-2 na primeira volta.

Preparación física. O ex-técnico burelista Suso Rey regresou hai uns días aos adestramentos do equipo que dirixe Julio Delgado, como preparador físico, ata finais da tempada.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores