Noticias
19 de febreiro de 2012
A expulsión de Javier Pardeiro condiciona a derrota no derbi galego (4-3)

Unha inexplicable expulsión do adestrador burelao, Javier Pardeiro, condicionou en exceso o encontro que enfretaba a Burela FSF Pescados Rubén e Ponte Ourense, e que terminou con vitoria das locais pola mínima, logo de recuperar unha desvantaxe de 0-3 a favor das xogadoras laranxas.

O partido foi vibrante. O Burela conseguía adiantarse no luminoso aos cinco minutos (0-1), tras unha boa xogada persoal avanzado desde o centro da cancha. O tanto obrigaba ao Ponte a tratar de subir a súa presión, ante un conxunto laranxa ben colocado no terreo de xogo, nun envite intenso con repartición equitativa da posesión de balón. A pesar de cargarse de forma temperá de faltas, o Burela soubo aguantar a súa mínima renda ata o descanso. A nota negativa púxoa a inxustificada expulsión de Pardeiro por parte dos colexiados, que deixaría as xogadoras mariñás sen a presenza do técnico no banco durante o segundo tempo.

A pesar de todo, aos cinco minutos da continuación, a brasileira Celi, que debutaba no equipo de Pardeiro, aproveitaba un pase de Peque ao segundo pau para abrir brecha no luminoso. As locais buscaban con afán o seu primeiro tanto no partido, pero volvían ver como era o Burela quen perforaba a súa portería, esta vez por mediación de Maite, que remataba ao segundo pau un balón franco cedido de novo por Peque.

Pouco despois, o técnico local optaba por arriscar co xogo de cinco. A disposición táctica reportáballe o seu primeiro tanto, obra de Souza os 32 minutos de xogo. A cinco do final Ampi, tamén en xogada de cinco, conseguía perforar a portería de Jozi. O envite chegaba ao seu tramo final con todo por decidir máxime cando Ana conseguía igualar o partido a dous minutos do final. Xa no último minuto de partido e a escasos 30 segundos, Ana conseguía desnivelar a balanza para as locais facendo o 4 a 3 definitivo.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores