Noticias
15 de febreiro de 2012
A ala-peche brasileira Milena volta ás filas burelistas

A ala-peche brasileira Milena Gasparini Ribeiro volta ás filas burelistas. A xogadora, procedente do Sinnai Calcio a 5 italiano, foi recibida esta tarde na sede do club polo vicepresidente do CD Burela FS Pescados Rubén, Manuel Blanco, e o directivo Marcelino Luna.

A canarinha, que aterrou onte en terras asturianas procedente de Sardeña, amosouse “completamente feliz de regresar a un equipo que estiven acompañando dende a distancia”. “En Italia cheguei a un acordo co club co que tiña contrato, onde aínda non podía xogar por cuestións burocráticas, para volver a unha entidade onde sempre me sentín moi ben” explicou a ala-peche. Milena tamén aludiu á boa etapa das súas compañeiras: “O Burela ten un cadro de calidade, que está en continua evolución. Por iso non debe marcarse teitos nos obxectivos; é capaz de facer moitas cousas, nas que eu intentarei axudar coa miña faceta defensiva e, sobre todo, con vontade e ánimo”.

Manuel Blanco e Marcelino Luna aplaudiron o reforzo de Milena, que “xa deu excelentes mostras da súa calidade a tempada pasada co equipo” e adiantaron que “a xogadora estará en disposición de debutar xa este sábado, na cancha do Ponte Ourense”.

Milena (Vitoria-Espírito Santo, 1983) deu o salto ao fútbol sala europeo en decembro de 2010, coa chegada ao CD Burela FS; neste exercicio achegou regularidade e boa execución táctica, ademais de experiencia e versatilidade competitiva. Na súa traxectoria no Brasil, destacan as seis temporadas defendendo o Kindermann/UNC/Caçador, no que coincidiu coa burelista Jozi, cun bicampionato da Taça Brasil de Futsal, título de campioa e vicecampioa da Liga Nacional, bicampioa da Liga Universitária Brasileira, ademais de diversos títulos rexionais e de Jogos Abertos, no seu palmarés.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores