Noticias
11 de febreiro de 2012
Vitoria por 3-2 do Burela Pescados Rubén, que aumenta a súa excelente serie

O Burela FS Pescados Rubén mantén o paso na súa escalada cara á zona alta da Primeira División tras sumar unha vitoria máis á súa serie triunfal, sete vitorias e un empate nas últimas oito xornadas. Nesta ocasión, o conxunto dirixido por Javier Pardeiro derrotou por 3-2 a un Soto del Real voluntarioso que se presentou en Vista Alegre coa clara consigna de especular en todo momento cos posibles erros laranxas.

Desde o asubío inicial cumpriuse o guión preestablecido. Iniciativa do xogo para o Burela e pechamento en pista propia das madrileñas na busca do contragolpe, a súa esperanza e único recurso ofensivo. Con este panorama transcorreu un primeiro período no que Claudia abriu a lata visitante aos cinco minutos de xogo. Unha combinación con Peque e disparo da capitá laranxa supuxo o 1-0. Rosana estivo preto do segundo ao estrelar un disparo no traveseiro pero o marcador permeneceu inalterable ata o descanso.

Na continuación, as burelenses mantiveron a paciencia e concentración e Rosana marcou de cabeza o 2-0 a pase de Haydee, minuto 23. A pesar do resultado, o Soto del Real seguía fiel ao seu guión ata co 3-0 logrado por Dolo tras asistencia de Maite aos trinta minutos de xogo. Instantes despois chegou o anhelado roubo e contragolpe, Pitu executouno á perfección nun man a man ante Jozi, que non puido evitar o 3-1.

O partido entrou nunha fase na que o Burela puido liquidar o encontro en varias oportunidades pero a definición laranxa non estivo tan afinada coma en anteriores ocasións. E dun marcador máis folgado pasouse ao 3-2, logrado por Pitu tras un potente disparo (min.36). Nos compases finais o xogo foi impreciso por ambas as partes pero en ningún momento perigou a merecida vitoria laranxa.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores