Noticias
28 de novembro de 2011
Panificadora 2-4 Sada FSF

O Panificadora del Eo non puido imporse ao Sada FSF na casa (2-4). Definitivamente, o gol das ribadenses está rodeado de infortunio; dun total de vinte e un disparos á portería rival durante a segunda metade, só conseguiron materializar un gol.

Foi un partido igualado durante os primeiros vinte minutos, aínda que coa batuta por parte do Panificadora ante un Sada con xogadoras moi veteranas, algunhas con experiencia en Honra e ex-compoñentes do antigo Piso Perfecto da Coruña. As de Martínez encaixaron o primeiro gol no minuto 11, de Laura ao aproveitarse dun mal pase do equipo local na zona de media cancha. Insistían as ribadenses en presionar moi arriba e pór as cousas difíciles ás de Sada, así a cadete Elena, no minuto 16, subiu a igualada ao marcador, resultado co que se chegou ao descanso.

A continuación foi un monólogo do equipo ribadense, con vinte e un disparos á portería visitante por tan só dez das sadenses á defendida por Antía, que non tivo a tarde. O equipo de Sada, aliado coa sorte, dedicábase a contragolpear con perigo á falta de acerto das xogadoras locais. No minuto 29, Thais conseguiu o o 1-2 nun disparo afastado que Antía non puido deter. Tres minutos máis tarde, Montse materializou o 1-3 e aínda non transcorrera o minuto cando de novo Laura desbordou a dúas xogadoras locais e bateu a Antía de tiro cruzado.

Martínez optou polo ataque de cinco con Marta como porteira xogadora e de novo as oportunidades de bater a portería visitante sucedíanse con frecuencia. As de Sada acumularan as cinco faltas e Elvira, desde os dez metros e pola mismísima escuadra, transformou a sexta falta no segundo gol local. Continuou o Panificadora na súa intención de reducir distancias. Elvira intentouno de novo desde os dez metros, pero esta vez o balón foise fóra por moi pouco. María tamén desaproveitou outra ocasión clara ao non acertar no remate nunha xogada de ataque de cinco. O marcador non se alterou e o novo equipo ribadense, aínda que non encaixa grandes goleadas, continúa sen coñecer a vitoria nesta tempada.

O Bembrive de Pontevedra será o próximo rival a visitar polas ribadenses.

Provincial feminina. O encontro correspondente á sexta xornada que debería enfrontar o Quiroga e o Xoula ribadense foi aprazado ao non poder dispor das instalacións deportivas o equipo local. O Xoula descansará a próxima xornada.

Provincial masculina. Tras o descanso, o próximo rival dos ribadenses, que xogarán como locais, será o AD Riomao-Chamouco FS de Bóveda.

Ficha técnica

Panificadora del Eo-Ribadeo FS: Eva, Marta, María, Carla Cora e Elena, cinco inicial; tamén xogaron Ana, Elvira, Toñi, Sabela, Tania Penabad, Arancha e Antía.

Sada FSF: Laura, Montse, Maite, Rebeca e Marta, cinco inicial; tamén xogaron Thais, Susana, María e Camila.

Árbitros: José García Vila e Pablo Coello Martínez, da delegación de Lugo. Mostraron cartóns amarelos a María, Sabela e Elena polas locais e a Susana e dobre amarela a Maite polas visitantes.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores